Artesanía Anxo

Artesanía Anxo é un obradoiro que leva funcionando en Negreira dende o ano 1998. Dedícase a restaurar mobles, a facer réplicas de mobles antigos, traballos de ebanistaría, tallado e torneado manual e, puntualmente, escultura en madeira. O seu sistema de elaboración das pezas céntrase nos encargos que lle fan tanto particulares como anticuarios e, moitas veces tamén, a Igrexa. Tamén elabora pezas de deseño propio a través dos métodos tradicionais e con madeiras autóctonas. A súa lista de agarda pode chegar aos 15 meses.

Na elaboración das réplicas de mobles que lle encargan parte de cero. Están baseadas sempre en mobles clásicos e tradicionais e realizadas en madeira propia de Galiza coma o carballo, o castiñeiro, a nogueira ou a cerdeira; aínda que emprega puntualmente o ébano para realizar algún tipo de adornos moi exclusivos.

"Fuxo das madeiras de fóra dos taboleiros, dos plásticos e dese tipo de materiais. Todo é de aquí, cen por cen galego", comenta o artesán.

Cada vez que elabora unha peza busca recuperar os estilos do moble tradicional galego, aínda que o seu traballo estará guiado sempre polos gustos da persoa que lle fai o encargo. Cando o cliente lle dá liberdade creativa, busca adaptar os trazos tradicionais coas liñas máis modernas. "Acabo elaborando pezas moi modernas pero cun material moi bo, construído coma antes - con espigas, con colas de milano " todo elaborado coas técnicas tradicionais e con material galego pero cun toque moderno", explica Anxo Mosquera.

Artesanía única

"Tento que as pezas leven a madeira moi traballada e que sexa todo moi artesán. Aínda que eu perda un pouco no custo prefiro que a peza quede ben feita". Anxo Mosquera recupera, grazas ao seu traballo artesán, moitos mobles que agora xa non se ven nas tendas: mesiñas altas, lavabos de madeira, cómodas, etc. No seu obradoiro garda fotografías de mobles que elaborou ou que restaurou para que os futuros clientes teñan unha referencia para os seus encargos. "Cada vez que vén un cliente trato de que leve sempre os mobles feitos ao xeito de antes, porque os de agora son todos iguais", explica o artesán. "Quero que se recupere o noso moble porque tamén forma parte das nosas raíces e da nosa cultura".

Tanto neste tipo de mobles como nas réplicas " onde o produto máis demandamos son ás cómodas da avoa, como el lles chama " procura darlle o seu toque persoal a través de tallas ou de torneados manuais.

"Procuro sempre que en cada peza que fago vaia algo tallado, aínda que o cliente non mo pedira expresamente. " comenta " A talla leva moito tempo de traballo e agora non se adoita facer pero a min gústame que leve algunha para que non se perda porque para min é un símbolo".

Outra característica que fai únicas as pezas que levan o selo de Artesanía Anxo son os acabados artesanais que lle dan efectos antigos ao moble: pátinas, goma-lacas, mechados, engomados, etc. Son técnicas tradicionais que para Anxo Mosquera seguen estando por riba dos lacados plásticos. A pesar de que son algo máis caros e dan máis traballo, os mobles con acabados á antiga teñen un mantemento moito máis sinxelo: "Se che pasa algo nunha goma-laca non hai que rascar a peza toda senón só a zona que está manchada ou deteriorada. Mentres que o plástico é plástico", explica.

Anxo Mosquera Borrazás comeza a traballar a madeira como unha afección á parte do seu traballo como deseñador gráfico. Nas súas horas libres aproveita para aprender dun artesán todas as técnicas tradicionais e todos os segredos da madeira, ata que decide dedicarse profesionalmente á elaboración e á restauración de mobles. No seu obradoiro " e sempre que os encargos llo permiten " elabora pezas propias, deseñadas por el mesmo, e tamén esculturas en madeiras que axiña atopan compradores. Cada vez que se lle encarga unha peza, Anxo trata de lle aplicar as súas ideas, para sacar mobles que mesturen a calidade das madeiras, as técnicas artesás de traballo tradicional da madeira e o deseño. Estas pezas propias fainas sempre por encargo porque doutro xeito élle moi difícil sacalas ao mercado. "Os artesáns tampouco podemos sacar moitos deseños propios porque é complicado vender esas pezas. Ao final, acábollelos aplicando aos mobles que me encarga a xente que xa ten confianza no meu traballo e fágolles esas peciñas únicas para eles", explica.

Anxo Mosquera defende o concepto de artesán como un profesional integral no que o deseño e o traballo manual para elaborar a peza son traballos complementarios e imprescindibles. "Eu non concibo realizar a idea de outro. " comenta " Son artesán e fago a miña peza dende cero, dende o principio ata o final", sinala.

Coñece máis

No obradoiro de Anxo Mosquera tamén se restauran mobles antigos, moitos deles en moi mal estado. No caso de pezas moi antigas, o artesán recomenda sempre restaurar " en vez de realizar unha réplica "para que a peza conserve o valor engadido que lle dan os anos de antigüidade.

"En principio pódese restaurar todo o que teña corpo", indica. Para traballar con estes mobles antigos procura empregar sempre madeiras vellas que adoita ter gardadas no obradoiro. Este tipo de madeiras collen mellor os tons dos mobles antigos, os acabados e os efectos que o artesán lles queira aplicar.

Anxo Mosquera ten restaurado pezas de moi distintas épocas. As máis antigas que restaurou tiñan 200 anos de antigüidade, aínda que polo xeral os mobles cos que traballa datan do século XIX ou de comezos do XX. O proceso de restauración varía en función do cliente. Para os anticuarios xeralmente o que fai e tratar a madeira que estea boa e substituír os cachos en mal estado por outros de madeira tamén vella. No caso do Museo da Catedral de Santiago " para o que realizou varios encargos " o seu cometido máis ca restaurar é conservar, que se vexa que a peza é antiga.

"Neste caso si que traballei con pezas moito máis antigas, mesmo do século XII". Pola contra, se se restaura un moble para decorar unha vivenda, o ideal é substituír cachos de madeira para que quede a peza como nova.

  • Mesa nogueira (deseño propio)

    Mesa nogueira (deseño propio)

    Mesa de nogueira maciza, construída con varios tipos de ensambles e decoración de taquiños de ébano. Acabada con varias mans dun

  • Reprodución consola caoba

    Reprodución consola caoba

    Encargo a petición dun cliente da reprodución dunha consola en madeira de caobilla, a partir dos mínimos restos da orixinal, con

  • Cómoda rústica con dous caixóns

    Cómoda rústica con dous caixóns

    Reprodución a petición dun cliente, o modelo é copiado a partir dunha revista. É de madeira antiga de castiñeiro supergrosa e pe

  • Berce artesanal tallado

    Berce artesanal tallado

    Encargo dun berce completamente artesanal e rústico con motivos tallados en madera de castiñeiro.

  • Cómoda tallada motivos florais

    Cómoda tallada motivos florais

    Reprodución dunha cómoda en madeira de castiñeiro tallada, empatinada para aparentar vellez.

  • Cómoda I estilo modernista tallada

    Cómoda I estilo modernista tallada

    Reprodución de cómoda en madeira de ukola (por caoba a petición do cliente ), tallada con motivos modernistas e acabados a goma

  • Cómoda 2 de castiñeiro macizo

    Cómoda 2 de castiñeiro macizo

    Reprodución de cómoda de castiñeiro macizo con caixóns ensamblados con colas de milano e acabada á antiga, tinguidura en auga, g

  • Chinfonier de castiñeiro macizo e tallado.

    Chinfonier de castiñeiro macizo e tallado.

    Chinfonier de castiñeiro de deseño propio tallado e acabados á antiga.

  • Mesiña de noite de castiñeiro (reprodución época)

    Mesiña de noite de castiñeiro (reprodución época)

    Reprodución de mesiña de época en madeira de castiñeiro macizo, tallada.

  • Baúl

    Baúl

  • Cadeira

    Cadeira

  • Armario

    Armario

  • Moble

    Moble

  • Cómoda 4 con espello

    Cómoda 4 con espello

    Reprodución de cómoda con espello torneado e tallada. En madeira de castiñeiro macizo con esambles de cola de milano en caixóns.

Enderezo

Avda. da Barcala, Nº 21

15830 Negreira

A Coruña

  • Teléfono: 606 098 820
  • Email: anxomosquera@telefonica.net