A Xunta impulsa en Chantada un curso enfocado na transmisión do labor artesanal coas fibras vexetais

A Xunta impulsa en Chantada un curso enfocado na transmisión do labor artesanal coas fibras vexetais

  • O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia asistiron en San Cristovo de Mouricios ao inicio desta formación, na que colaboran Espacio Vilaseco, Os Casares e a cesteira Idoia Cuesta
  • O curso consiste en catro módulos nos que se aprenderá o proceso completo desde a obtención das fibras vexetais cesteables e as técnicas da cestería tradicional con diferentes materiais, ata o deseño de produto e a produción artística
  • Entre os docentes atópanse cesteiros galegos como Idoia Cuesta, Álvaro M. Leiro ou Enrique Táboas, os daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, o catalán Pau Trepat, a artista Sonia Navarro ou o deseñador Miguel Leiro
  • Esta iniciativa enmárcase no proxecto pioneiro do Goberno galego Aprender da tradición. Oficios e técnicas, para contribuír á profesionalización do sector artesán e a atraer novos talentos que garantan a remuda xeracional 

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse hoxe ata San Cristovo de Mouricios (Chantada) onde se iniciou Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais, un curso de formación enfocado na divulgación e na transmisión do traballo artesanal coas fibras vexetais, enmarcado dentro do programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta desde o ano 2023 para promover a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural. 

Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais é un curso de catro módulos enfocado á divulgación e á transmisión dos oficios da cestería e dos labores de palla, do traballo con fibras vexetais en sentido amplo, no que participarán como docentes recoñecidos cesteiros, deseñadores e artistas que permitirán abordar o proceso completo: dende a obtención das fibras vexetais cesteables ata o deseño de produto e a produción artística, pasando tamén polas técnicas de cestería tradicional. 

Esta formación desenvolverase entre os meses de febreiro e decembro de 2025 e está organizada pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración con Espacio Vilaseco, Os Casares e Idoia Cuesta.

Contidos
O primeiro dos módulos está dedicado á obtención das fibras vexetais que se empregan para a cestería, entre as que se atopa o cultivo agroecolóxico do vimbio, que se desenvolve entre hoxe e o mércores 27, e a creación de estruturas de vimbio vivo, que terá lugar os días 12 e 13 de marzo. A formación deste módulo estará a cargo da recoñecida cesteira Idoia Cuesta - Premio Artesanía de Galicia 2021 - e conta coa colaboración de Marcos Besada. A cestería tradicional centrará o segundo dos módulos. O cesteiro Enrique Táboas será o encargado de amosar a cestería de láminas de castiñeiro, o 21, 22 e 23 de abril, Idoia Cuesta falará de Cestería de cascas de vimbio, o 14 e o 15 de maio, e o cesteiro catalán Pau Trepat amosará o traballo tradicional con varas de vimbio o 17, 18 e 19 de xuño. 

O terceiro módulo estará dedicado ao deseño de produto e produción artística. O 8, 9, 10 e 11 de xullo, os daneses Jette Mellgren e Jan Johansen impartirán a formación sobre arte da paisaxe, a través da creación de estruturas que interactúan coa contorna mediante trenzados, tecidos e formas escultóricas. Os días 21 e 22 de agosto, a artista Sonia Navarro e Idoia Cuesta serán as encargadas da parte dedicada á arte contemporánea e fibras: unha produción artística. No último dos módulos, as persoas asistentes aprenderán sobre cestería de colmo, unha técnica artesanal tradicional de cosido en espiral que utiliza talos de palla de centeo e trigo e mesmo outras especies vexetais como xesta, piorno ou liño, para crear unha ampla variedade de obxectos de gran tradición rural. Será o 15, 16 e 17 de outubro da man de Álvaro M. Leiro, Premio Nacional de Artesanía 2023. A formación pecharase co deseñador Miguel Leiro, os días 25, 26 e 27 de novembro, que guiará aos asistentes no deseño de obxectos e na creación de prototipos dunha colección de pezas en base ás técnicas aprendidas durante o curso. 

Aprender da tradición
Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España, unha estratexia pioneira dirixida a artesáns e expertos en oficios artesanais e á captación de novos perfís para a arteanía enfocada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego. Busca, entre outros fins, capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para transmitir os seus coñecementos; facilitar a formación de novas xeracións neste eido; fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a conservación dos oficios tradicionais.