Corazón da Artesanía

Corazón da Artesanía

Corazón da Artesanía. Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Os Pendellos, Agolada (Pontevedra)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, en colaboración coas asociacións profesionais de artesáns de Galicia e co Concello de Agolada (Pontevedra), poñen en marcha no 2012 o Corazón da Artesanía, Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia no conxunto histórico-artístico dos Pendellos, dotándoos novamente de contidos dinámicos liderados polo sector da artesanía.

Este encontro, consolidado xa como un referente no sector, configúrase como o escaparate perfecto de promoción e posta en valor dos oficios artesanais tradicionais que se desenvolven en Galicia, cunha representación de preto de 30 oficios entre os que se atopan a xoiería e a ourivería, a olería, a cerámica, a elaboración de instrumentos musicais, o téxtil, a torneiría e talla de madeira, a cestería, a cerería, a elaboración de figuras de pan, a marroquinería, a bixutería, a tellería, os xoguetes, a ilustración ou a elaboración de redes ou de zocos.

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. A exposición e venda de produtos artesanais combínase coa demostración de oficios e con postos de venda de produtos gastronómicos de calidade.  

Ademais, entre as actividades programadas inclúense tamén cursos de formación especializada para artesáns, obradoiros abertos para todos os públicos e conferencias, así como demostracións en vivo de prestixiosos chefs galegos que, no marco iniciativa Artesanía no Prato, empregan pezas de artesanía como soporte dos seus menús achegándolles un valor engadido. Esta intensa programación, que se completa con actuacións musicais e de baile tradicional, atrae cada ano tanto ao público xeral como a profesionais.

O obxectivo é favorecer a promoción, a divulgación e a comercialización do produto artesán galego, abrindo novas vías de colaboración e oportunidades de negocio para os artesáns e emprendedores participantes. Foméntanse as relacións dos artesáns con empresas de distribución de produto, tendas e outros prescriptores que teñen repercusión económica a medio-longo prazo.