Proxecto Enredadas

Proxecto Enredadas

A consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Mar colaboran desde 2012 para promover a diversificación profesional das redeiras  e o desenvolvemento das áreas de pesca a través do proxecto Enredadas, deseñado e coordinado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Partindo dos saberes tradicionais do oficio desenvolveuse unha metodoloxía de traballo propia, adaptada ao colectivo e que dese coherencia e eficiencia ao proceso de fabricación. Para elo deseñouse un programa de formación especializada impartido por profesionais de diferentes sectores.

A Fundación Pública Artesanía de Galicia -que foi galardoada por este proxecto co Premio Promociona para entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016- como exemplo de Boas Prácticas, vén desenvolvendo estas accións formativas para perfeccionar as técnicas de elaboración e a extensión a outros ámbitos de mercado que permitan mellorar a calidade e especialidade dos produtos artesanais, e para optimizar o proceso produtivo e a xestión comercial das redeiras a través da súa aplicación.

O desenvolvemento de Enredadas está permitindo establecer unha colaboración intersectorial con diferentes axentes: moda, mobiliario, bixutería, complementos, decoración, fotografía, escaparatismo ou xestión comercial. 

Os resultados tanxibles tras a realización desta formación continuada están supoñendo unha posibilidade real de xerar ingresos adicionais dentro do colectivo de redeiras. Neste sentido cómpre subliñar a creación de novas liñas de complementos e bixutería que parten do respecto ás tradicións e abren as portas a novos repertorios formais contemporáneos, así como a colaboración con deseñadores e creación de novos produtos para diferentes marcas e estudos de deseño, sendo destacable a colaboración das redeiras da Illa da Estrela de Corme (A Coruña) con importantes firmas e deseñadores.