Artesanía de Galicia. O teu camiño

Artesanía de Galicia. O teu camiño

O proxecto Artesanía de Galicia. O teu camiño (xullo-setembro 2016)  organizado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia coa colaboración da Fundación-Museo Eugenio Granell achegou  Artesanía de Galicia á cidadanía compostelá e  ao numeroso público foráneo que visita Santiago de Compostela.

Artesanía de Galicia amosouse nunha posta en escena contemporánea, transmitindo os valores dunha artesanía moderna, viva e cunha personalidade propia. Apostamos pola calidade, a innovación e o deseño dunha artesanía con valores firmes baseados na experiencia e a tradición, que se abren a novos talentos con gañas de abrir novos camiños e novas canles de comunicación co consumidor da artesanía do futuro. A  exposición de mostra e venda de Artesanía de Galicia concibiuse como unha experiencia efémera, conciliando de maneira excepcional as pezas que constitúen unha parte importante do traballo dos nosos artesáns co espazo intervido de maneira específica para este proxecto e cunha representación de atrezzo e produtos para a venda de máis de 40 obradoiros de toda Galicia. A artesanía tradicional amosouse con pezas deseñadas en exclusiva para esta mostra co fin de dar unha imaxe en conxunto da calidade, deseño e aposta polo sector artesán.

O programa completouse con obradoiros abertos ao público, obradoiros dirixidos a profesionais,  parladoiros con artesáns e diferentes exposicións.

O público puido participar e coñecer  os beneficios e a importancia dos produtos “slow made”, os produtos elaborados empregando o tempo necesario, e as características destes relacionadas coa súa durabilidade, o respecto ao medio ambiente, os trazos culturais, fronte a outras de produción non sustentables.