Artesanía no prato

Artesanía no prato

Artesanía e gastronomía, a maridaxe perfecta para enxalzarse mutuamente e aproveitar as sinerxías destes dous sectores. A artesanía ofrece soportes persoais para vestir os pratos e os espazos dun xeito único, conseguindo que a gastronomía brille con máis forza sobre pezas de deseños especiais que suman distinción á experiencia sensorial da comida. 

A fusión da artesanía coa hostalería e restauración reforza a súa visibilización e posicionamento e permite combinar cualidades para crecer xuntos en exclusividade e valor engadido. Apóstase pola calidade, a innovación e a creatividade, fomentando experiencias con novos soportes e materiais que impriman carácter e personalidade. 

O proxecto Artesanía no prato, iniciado en 2013, ten como finalidade xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas artesás como soporte das creacións culinarias. O resultado non pode ser máis enriquecedor: unha simbiose entre ambas áreas que permite engalanar non só a alta cociña, senón a gastronomía en xeral.

Froito deste proxecto, conseguiuse establecer un diálogo fluído entre estes sectores, e xa son máis de 40 os artesáns que están a traballar con cociñeiros galegos e nacionais, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalería. 

Como recoñecemento do éxito, esta iniciativa resultou finalista en dúas ocasións na categoría Premio Promociona para Entidades Públicas dos Premios Nacionais de Artesanía 2019 e 2020, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. En maio de 2021, o proxecto foi seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code e incluído na plataforma dixital de políticas formativas do Interreg Europe.