Como crear un vídeo titorial de elaboración de produto

Número de prazas
20
Lugar de celebración
Online
Data de inicio
10/05/2021
Descrición datas e horarios
As sesións grupais serán os días 10 e 12 de maio de 19:00 a 21:00 horas.
Descrición

Impartido por Manuel Silva, o curso desenvolverase en formato online e os asistentes terán unha hora de titoría individual co docente unha vez rematado o curso e no prazo que lles será indicado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Nº de prazas: 20

Aprende a realizar un vídeo titorial onde se mostren as técnicas empregadas para a realización dun produto artesanal. O vídeo ofrece a posibilidade de mostrar o proceso artesanal empregado para a realización dun produto dun xeito visual e práctico facilitando a difusión a través de distintas plataformas do traballo artesanal realizado.

Cal é cometido do curso? 

Neste curso aprenderás a realizar un vídeo en titorial a partir de coñecementos básicos e prácticos sexa cal sexa a túa experiencia no eido audiovisual, sen necesidade de ter máis que un teléfono móbil guiarémosche a través de conceptos básicos de composición e iluminación e edición para lograr o teu obxectivo. Aprenderás as peculiaridades da gravación co fin de lograr un vídeo onde se mostre a técnica e o produto dun xeito visual e práctico.

A duración do curso será de 4 horas, a continuación elaborarás pola túa conta un vídeo cos coñecementos adquiridos que analizaremos nunha sesión individualizada de 1 hora, revisando o contido, defectos e virtudes
deste.

Que inclúe o curso?
Coñecerás os mecanismos para realizar o vídeo. Verás que todo o que necesitas é un teléfono móbil, cámara de fotos ou vídeo para a gravación e de un ordenador para a montaxe. Explicarémosche a través de exemplos e exercicios os conceptos básicos.
Unidade 1 Produción. Consideracións previas / Que precisamos.
Unidade 2 Realización da gravación / Técnicas e medios empregados.
Unidade 3 Realización da montaxe / Programas e técnicas de edición.

Aprenderás a elaborar un vídeo. Primeiro crearemos un set de gravación no teu estudio ou taller e logo situaremos os elementos para sacarlle o mellor partido no momento da gravación. Despois, prepararás a cámara e realizarás as gravacións precisas para contar o proceso a través de distintos encadres. Gravarase a voz se fose preciso, tanto a medida que fagas o vídeo como posteriormente para utilizar no proceso de edición.

Para finalizar, aprenderás a usar as ferramentas básicas de montaxe para editar o teu vídeo.

Requisitos
Non é necesario ter coñecementos previos sobre vídeo. As ferramentas poden ser dende un teléfono móbil, cámara de fotos ou vídeo para a gravación e preferiblemente dun ordenador para a montaxe.

Criterios de selección: Teñen prioridade os titulares de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que fixeron a solicitude de participación no primeiro trimestre, debendo facer igualmente a nova solciitude, a continuación o resto de obradoiros e por último, as persoas con carta de artesá/n pero que non conten con obradoiro inscrito. Terase en conta a orde de chegada das solicitudes nesta convocatoria.

As persoas que confirmen asistencia, unha vez se lles comunique o listado de aceptados, comprométense a asistir a todas as sesións agás por motivos de forza maior debidamente xustificados. De non ser así, isto será motivo de non aceptación en vindeiras accións formativas.