Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais. Aprender da tradición. Oficios e técnicas

Número de prazas
8
Lugar de celebración
Os Casares, San Cristovo de Mouricios (Chantada, Lugo)
Data de inicio
25/02/2025
Descrición datas e horarios
Fibranzas consta dun total de 200 horas, desenvolvidas en 9 obradoiros dende febreiro ata novembro de 2025, cunha duración de entre 2 e 4 días cada un. As datas e horarios específicos de cada módulo atópanse no programa achegado nesta publicación.
Descrición

Fibranzas forma parte de Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa pioneiro impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e de atraer novos talentos que aseguren o futuro da artesanía galega. Iniciado a finais de 2023, este programa formativo vertébrase nunha estratexia pioneira enfocada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural.

A cestería é unha expresión da nosa cultura, que nos fala de traballos na terra e no mar, de costumes e crenzas así como da relación do home coa súa contorna natural. Por iso convén preservar estas pezas de arte, realizadas por anónimos cesteiros, que son peculiares espellos da nosa paisaxe cultural e etnográfica.

O agricultor, o cesteiro ou o artista son membros dun ecosistema no que a terra, o clima ou as estacións, se converten en interlocutores que guían o proceso. Do mesmo xeito que as fibras deben ser colleitadas no momento xusto para garantir a súa flexibilidade, tamén o ser humano debe aprender a escoitar e a esperar, respectando o ritmo do ciclo natural. Esta formación quérelle dar forma á vida que xa está presente na natureza, e devolverlle esa vida ao mundo a través das mans, honrando o antigo, a tradición, e abrazando o novo, a arte e o deseño. O acto de tecer as fibras entre si non é só un proceso técnico; é un acto simbólico de unión, de entrelazar historias, tempos e seres. Cada nó, cada cruce de fíos, reflicte unha interacción, unha relación cos materiais, coa comunidade, coa tradición, coa expresión artística e coa memoria colectiva.

Baixo o deseño e dirección de Idoia Cuesta, esta formación conta coa estreita colaboración entre OsCasares e o Espacio Vilaseco. Dende 2022 estes dous proxectos xúntanse no mesmo espazo, San Cristovo de Mouricios (Chantada, Lugo) onde se celebrarán os distintos módulos desta actividade formativa.

Fibranzas está dirixida a profesionais e estudantes das áreas da artesanía, do deseño, das artes, da moda ou da arquitectura con especial interese nas técnicas artesanais cesteiras para incorporalas nos seus respectivos ámbitos profesionais.  

É requisito fundamental asistir á formación completa, e xunto coa solicitude é preciso presentar unha biografía e/ou currículo, así como unha carta de motivación.

O 18 de febreiro ás 12 horas péchase o prazo de envío de solicitudes.
 

Documentos