iAtelier: Obradoiro de tecnoloxía e innovación

Lugar de celebración
Villaviciosa de Odón (Madrid)
Data de inicio
14/09/2020
Descrición

iAtelier é un programa formativo que pretende fomentar o uso das ferramentas TIC e impulsar novas formas de creación na artesanía a través das tecnoloxías de fabricación dixital contemporáneas. Impulsado por EOI - Fundesarte no marco do proxecto Crafting Europe, este programa baséase na metodoloxía desenvolvida pola Limerick School of Art & Design de Irlanda (escola de arte e deseño de Limerick). Entre os obxectivos de iAtelier está integrar a artesanía coa tecnoloxía dixital contemporánea, desenvolver oportunidades de colaboración que estimulen a innovación e o desenvolvemento de produtos, involucrar a futuras xeracións, centrándose nos recentemente graduados, startups e (micro)pemes artesanais ou de deseño así como adoptar o uso das novas tecnoloxías coa artesanía tradicional. O proxecto consta de tres fases: taller experimental Sandbox, dúas series de residencias e un workshop internacional. O programa está dirixido a persoas dos sectores da artesanía, o deseño e o mundo maker. Seleccionaranse dous tipos de perfís: artesanía e deseño dixital. As e os participantes seleccionados terán acceso a ferramentas de deseño e fabricación dixital no FabLab FABDEFAB e EXarchitects, que asesorarán e orientarán aos participantes no uso das diferentes ferramentas dixitais, así como no desenvolvemento dos seus proxectos. O obxectivo é que os participantes non usen as tecnoloxías de fabricación dixital só como unha ferramenta de produción, senón que as integren como ferramentas de desenvolvemento experimental.

Para participar na primeira fase do proxecto (taller experimental Sandbox) recoméndase ler as bases de participación detidamente e cubrir o formulario antes do 31 de agosto de 2020 ás 23:59 horas. Máis información no correo electrónico: fundesarte@eoi.es