Resonancias 23. Foro profesional de instrumentos musicais

Número de prazas
50
Lugar de celebración
Claustro da Catedral de Tui
Data de inicio
02/08/2023
Descrición datas e horarios
2 e 3 de agosto de 2023

Prezo xeral: 40 €
Prezo reducido para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: 20 €
Descrición

O festival Música no Claustro convoca RESONANCIAS 23, a terceira edición do foro profesional de instrumentos musicais con sede na Catedral de Tui o mércores 2 e xoves 3 de agosto de 2023.
O emprego de madeiras galegas na artesanía é o denominador común dun foro que se consolida como cita imprescindible na construción de instrumentos musicais en Galicia. A conversa maxistral co mestre organeiro Gerhard Grenzing abre dúas intensas xornadas de reflexión e intercambios de experiencias a través de mesas redondas, talleres prácticos, presentacións e visitas profesionais que teñen por obxectivo pór en diálogo o sector artesanal con outras empresas, institucións e perfis profesionais claves na cadea de valor dos instrumentos musicais.
RESONANCIAS 23 é unha iniciativa da Fundación Pública Artesanía de Galicia comisariada por Samuel Diz, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal, xunto a colaboración do Cabido Catedralicio, da Dirección Xeral de Cultural da Xunta de Galicia e da Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Tui.
RESONANCIAS 23 conta coa participación da Asociación Galega de Artesáns, a Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais (LABRA), a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madera), a Comunidade de Montes de Couso (Gondomar), a Federación de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA), o Museo de Pontevedra e a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte.
Para quen?
Profesionais dos oficios artesanais, deseño e construción de instrumentos musicais.
Empresas da industria musical, do sector da madeira e proxectos de emprendemento no ámbito do comercio e marketing dixital. Artistas, intérpretes musicais e profesionais da xestión cultural e conservación de coleccións e institucións museísticas. Estudantes e profesorado de artes e oficios, musicoloxía, etnomusicoloxía, historia da arte ou xestión do patrimonio cultural. Estudantes e profesionais de disciplinas técnicas de enxeñería vencelladas á madeira ou deseño industrial.

MÉRCORES, 2 DE AGOSTO, claustro da Catedral de Tui
9h30 Café de benvida e dinámicas de presentacións profesionais
10h Conversa maxistral co artesán mestre organeiro Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui, Premio Nacional de Artesanía e Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, e Medalla ao mérito en Belas Artes na súa categoría de prata polo Ministerio de Cultura e Deporte.
11h Taller práctico sobre a instalación do programa FORTRA da Xunta de Galicia para certificar a trazabilidade e a pegada de carbono do produto artesán no compromiso de emprego de madeiras locais e o aumento do seu valor comercial, por Victoriano Maestre e Jesús Álvarez (Nunegal Consulting).
11h45 O toque manual de campás como manifestación do Patrimonio Cultural Inmaterial, por Cristina Lafuente, conservadora de museos da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte.
12h15 Pausa
12h30 Unha reunión con... Unha nova actividade de Resonancias na que se poderá tratar ou afondar en diferentes temas nun formato reducido. Co obxectivo de que estes temas resulten coherentes e produtivos na diversidade de perfís profesionais, cada asistente indicará no apartado "Observacións" na súa inscrición por orde de preferencia da persoa coa que quere reunirse, ata un máximo de tres. As reunións serán constituídas por orde de inscrición.
- Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia
- Isabel Mª Puentes Berdasco, directora da área de promoción e calidade forestal da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA)
- José Manuel Salvado Sanín, presidente da Asociación Galega de Artesáns
- Pablo Sánchez Otero, membro da directiva da Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais (LABRA)
- Erea Castro, conservadora de museos e responsable da colección de instrumentos musicais do Museo de Pontevedra
- Cristina Lafuente, conservadora de museos da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte.
13h Mesa redonda intersectorial sobre emprendemento e desenvolvemento de novas oportunidades de negocio na cadea de valor entre as plantacións forestais e o sector profesional artesanal para activar o emprego de madeiras locais na construción de instrumentos musicais e outras disciplinas artesanais:
- Isabel Mª Puentes Berdasco, directora da área de promoción e calidade forestal da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA)

- Ana Oróns, secretaria xeral da Federación de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA)
- Carmen Gayoso, vicepresidenta da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madera)
- Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia
- José Manuel Salvado Sanín, presidente da Asociación Galega de Artesáns
14h Xantar
16h30 Presentación da serie de podcast de instrumentos musicais RESONANCIAS ® do Plan de modernización e dixitalización Música no Claustro 2021-2026 financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, por Beatriz Fontán, produtora creativa e coordinadora de comunicación de Música no Claustro.
16h45 O traballo de dous obradoiros do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia:
- Marcos Domato e a búsqueda dunha personalidade propia na construción da guitarra clásica.
- O Reberete, artesán de instrumentos tradicionais galegos.
17h45 Refresco
18h Presentación do Proxecto para a valorización sustentable da madeira de masas de frondosas caducifolias de Galicia, por Francisco Pedras, técnico do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (XERA CIS-Madeira).
18h45 A evolución da kora dende o oeste de África aos talleres e escenarios internacionais, por Lucy Durán, profesora de música en SOAS-Universidad de Londres, produtora musical do disco «New Ancient Strings» (1999) de Ballaké Sissoko con Toumani Diabaté, e co-directora da película «Ballaké Sissoko, une histoire de kora» (2023).
19h30 Tempo libre
20h30 Intervención sonora de toque manual de campás, pola Asociación Cultural Campaneiros de Galicia.
21h Concerto de órgano: Silvia Márquez.

XOVES, 3 DE AGOSTO
10h Saída en autobús de Tui
10h30 Montes de Couso (Gondomar), un modelo holístico na xestión do patrimonio natural e cultural, con Xosé Antón Arauxo e Francisco Pedras.
12h Autobús
12h30 Hylica, espazo de divulgación das técnicas antigas da artesanía en Sabarís (Baiona) fundado pola artesá Natalia Moreno e o luthier Régis Floury.
14h Xantar
15h30 Autobús
16h30 Campás Ocampo, 400 anos fabricando sinos en Arcos da Condesa (Caldas de Reis), con José Enrique Lopez Ocampo.
18h Autobús, regreso a Tui
19h30 Tempo libre
20h30 Intervención sonora de toque manual de campás, pola Asociación Cultural Campaneiros de Galicia.
21h Concerto músicas do mundo: Ballaké Sissoko, kora (Mali).

Prezo xeral: 40 €

Prezo reducido para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: 20 €

A inscrición inclúe a participación en todas as actividades programadas, así como o café de benvida, refresco de tarde e praza de autobús para a visita profesional. En contra, os xantares e ceas corren por conta de cada participante.