Artesanía de Galicia chega ao Courel con cursos de iniciación e obradoiros abertos para todos os públicos

  • A Fundación Artesanía de Galicia organiza por cuarto ano consecutivo o evento Artesanía de Galicia no Courel, que da comezo este mércores en diferentes localizacións de Folgoso do Courel
  • No programa de actividades inclúense nove obradoiros gratuítos para iniciar os visitantes en oficios como a estampaxe, o tecido tradicional, a olería, o coiro e a decoración de louza

A Xunta volverá levar os oficios artesanais ao Courel por cuarto verán consecutivo a través da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, que se celebra do mércores 7 ao domingo 11 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel. Trátase dun evento enfocado exclusivamente en amosar e divulgar os oficios artesanais da marca Artesanía de Galicia, a través de cursos de iniciación con inscrición previa e de obradoiros abertos para os visitantes. Artesanía de Galicia no Courel está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra. 

Os visitantes poderán participar nos nove obradoiros programados, que se desenvolverán en dúas localizacións diferentes. No Centro Sociocultural Fondo de Vila celebraranse en horario de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 h. as actividades de olería, tecido tradicional e estampaxe. Durante os cinco días do evento, celebrarase un obradoiro para amosar a técnica de felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola; e o ceramista Carlos San Claudio será o encargado de impartir o obradoiro de Iniciación ao torno cerámico. 

Sandra Betanzos, de Amor ó Teu, impartirá un obradoiro de estampaxe diferente cada un dos días. O mércores 7 terá lugar o de postais con selos; o xoves 8, o de xeométricos en avionetas de goma eva; o venres 9, o de patrón de repetición con goma eva en rodete; o sábado 10 amosará o de papel e téxtil e manualidade de medusa; e por último, o domingo 11 será a quenda da estampaxe de cadernos con selos. 

Na Fundación Uxío Novoneyra terán lugar dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, en horario de 11,00 a 13,30 h. e de 16,00 a 18,00 h.: do 7 ao 9 de agosto será o de Iniciación ao traballo con coiro e os días 10 e 11 de agosto, o de decoración de louza. Todos estes obradoiros teñen carácter gratuíto e non requiren inscrición previa. 

Cursos especializados
No programa de actividades desta cuarta edición inclúense tamén sete cursos de iniación a diferentes oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil ou a carpintería, para os que se requiría inscrición previa. 

Na Antiga Escola Unitaria de Parada desenvolveranse o curso de Iniciación á ourivería, impartido por Susi Gesto, que durará os cinco días do evento. Na Carbiña terán lugar dous cursos de cestería, impartidos por Julia de la Cal, de La Parabólica -Paxes revisitados, do 7 ao 9 de agosto, e Cesta Niño, os días 10 e 11 de agosto– e dous cursos de tecido ás agullas a cargo de Lola García, de Logaro: un sobre a técnica do nalbinding, do 7 ao 9 de agosto, e outro de iniciación da forquita con gancho, os días 10 e 11. 

Por último, na Fundación Uxío Novoneyra, o artesán Rodrigo Mosquera, de Tresoficios, dirixirá un curso de Técnicas de Carpintería con alternativa para dous grupos diferentes:  un do 7 ao 9 de agosto e outro que se concentrará na fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11.  

A través desta iniciativa, a Xunta busca divulgar os nosos oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, así como achegar o público ás técnicas e valores que implica o feito á man.