Artesanía de Galicia colabora na elaboración do novo agasallo institucional do Concello de Boiro

  • Na presentación participaron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a artesá Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019 e encargada de deseñar e elaborar estas pezas promocionais

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – colabora na elaboración do novo agasallo institucional do Concello de Boiro, que está deseñado pola zoqueira Elena Ferro (Vila de Cruces). Na presentación desta peza de promoción participou esta mañá a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, a artesá Elena Ferro, así coma o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Turismo, Carlos Muñiz.

O novo agasallo institucional do Concello de Boiro é un chaveiro de coiro en cor laranxa e madeira negra que imita un mexillón e que vai presentado nunha lata de conservas, baseada na icónica obra do artista estadounidenses Andy Warhol. Os chaveiros empregaranse para agasallo institucional e poderanse mercar na páxina web de Eferro.
O Concello de Boiro encargou tamén a Elena Ferro o zoco en tamaño real e o seu obradoiro artesán aumentará a súa colección con el, comercializándoo baixo o nome de Modelo Boiro. Ao igual que os chaveiros, o zoco está elaborado en coiro acharolado en cor laranxa e madeira negra e pode adquirirse na páxina web de Eferro.

Elena Ferro
Elena Ferro foi gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2019 e destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. No taller familiar, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións.

Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, Elena Ferro outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia, reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou a este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.