Artesanía de Galicia participa na San Sebastián Gastronomika 2022 da man da chef Lucía Freitas
- A chef Lucía Freitas presentou esta mañá na capital guipuscoana o seu proxecto “Amas da terra”, no que reivindica a importancia dos oficios que se atopan na base da alta cociña e para o que estivo acompañada por un grupo de 25 mulleres entre as que se atopaban tres profesionais da Artesanía de Galicia
- A XXIV edición de Gastronómika 2022, que se celebra en San Sebastián ata o 5 de outubro, está dedicada á nova cociña do Reino Unido e á capacidade da gastronomía para unir culturas
Artesanía de Galicia participa no programa de actividades da XXIV edición da San Sebastián Gastronómika 2022, da man da recoñecida chef Lucía Freitas (A Tafona e Lume, Santiago de Compostela), co seu relatorio “Vangarda Primaria” no que presentou o seu proxecto “Amas da terra”, no que reivindica a importancia de todos os oficios previos e imprescindibles para a alta cociña, representados fundamentalmente por mulleres. Durante a súa intervención estivo acompañada por un grupo de 25 profesionais entre as que se atopan produtoras/praceiras, redeiras, unha percebeira, agricultoras, gandeiras e cociñeiras do rural, así como a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) e as ceramistas Laura Delgado (Cambre) e Susana Anta (A Coruña).
A intervención da chef Lucía Freitas desta mañá contou coa colaboración da Xunta, como parte do seu proxecto Artesanía no Prato, iniciado no ano 2013 para fomentar a interrelación e as sinerxías entre gastronomía, deseño e Artesanía de Galicia e no que a chef do Grupo Nove colabora de maneira habitual.
Gastronomika 2022 é un dos eventos gastronómicos con maior relevancia, na que está previsto que participen 70 chefs ata o vindeiro mércores 5 de outubro. Esta 24 edición réndelle homenaxe á nova cociña do Reino Unido, co lema “United Kulinary”, en referencia tamén ás propostas gastronómicas que hai fóra da súa capital, así como á capacidade da gastronomía para unir culturas.