Comezan os cursos de artesanía cos que a Xunta fomenta a remuda xeracional neste sector

  • A Fundación Artesanía de Galicia arrancou esta edición coas formacións de sombreirería e de xastrería na Academia Ana Prados en Santiago de Compostela 
  • En total, este ano o programa contará con seis cursos incluindo tamén os oficios de forxa, da ourivería e da olería tradicional de Buño 
  • Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado hai un ano e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector

A Fundación Artesanía de Galicia comezou esta semana os novos cursos de formación especializada enmarcados no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un proxecto iniciado no ano 2023 destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector. 
Esta edición, que ten lugar entre este mes e xuño, arrancou cos sombreirería e de xastrería na Academia Ana Prados en Santiago de Compostela e en total contará con seis cursos aos que se engaden tamén os oficios de forxa, da ourivería e da olería tradicional de Buño. 
Con esta iniciativa o Goberno galego continúa coa súa aposta pola preservación do patrimonio inmaterial, polo desenvolvemento económico e pola transmisión de técnicas e oficios artesanais. 
O Curso completo de sombreirería artesanal impárteo o sombreireiro artesanal, Félix de Martín, en Santiago de Compostela. Divídese en dúas partes diferenciadas – sobre a elaboración de sombreiros de rúa e sobre modistería de tocados e adornos- e  desenvolverase todos os mércores ata finais de xuño, en horario de 16,00 a 18,00 h. 

A formación de Perfeccionamento de xastrería, impartida polos xastres Fernando Freire e Ramón Lareo celébrase os xoves, en dúas quendas diferentes -o grupo de mañá é de 9,30 a 13,30 h. e o de tarde, de 16,30 a 20,30 h.- e consiste na elaboración dun pantalón e dun chaleque. 

Os outros cursos
Pola súa banda, o ourive compostelán Ricardo Rivas -Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020- será de novo o encargado de amosar as técnicas de ourivería a través dun curso de perfeccionamento que comezará o venres 18 de outubro no seu obradoiro (rúa do Río, 18 - Meixonfrío) e rematará o 31 de decembro. 

A maiores, a partir do 14 de outubro terá lugar o curso de Perfeccionamento de técnicas tradicionais da olería de Buño, impartido igual que o ano pasado por Antonio Pereira “O Rulo”, que lle permitirá aos participantes afondar nas formas e nas técnicas específicas desta olería tradicional. Será os luns, en horario de 16,00 a 20,00 horas, na Casa do Oleiro de Buño (rúa Camposa), ata o 31 de marzo. 

Xa en novembro, comezará o curso de Iniciación á forxa impartido por Telmo Cao no seu obradoiro de Cervo (As Fábricas, 9 - Sargadelos), no que se aprenderá o oficio desde o comezo e afondará nas técnicas tradicionais. O curso celebrarase do 4 ao 7 e do 11 ao 14 de novembro, en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas. 

Aprender da tradición
O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas iniciouse a finais de 2023 a través de doce cursos de formación especializada na tapicería tradicional, na madeira, na marroquinería, na xastrería, na ourivería compostelá, no tecido tradicional, na talla do acibeche, na olería de Buño, na confección de roupa e na pasamanería. Está previsto que este programa teña continuidade incrementando o número de actividades e a diversidade de técnicas, co obxectivo de ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar o relevo xeracional.