Galicia acolle a reunión do Observatorio Nacional da Artesanía centrada na formación e na cooperación entre administracións públicas

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, inaugurou hoxe o encontro no que participan representantes de 11 Comunidades autónomas e membros da Organización de Artesanos de España (OAE)

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presidiu hoxe en Santiago de Compostela unha nova reunión do Observatorio Nacional da Artesanía, un foro de encontro no que participan as administracións públicas das diferentes Comunidades Autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE), co obxectivo de crear grupos de traballo e establecer mecanismos de cooperación entre as administracións públicas en materia de artesanía, así como analizar as necesidades formativas no sector artesán.

Con esta reunión, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), retómanse as reunións presenciais do observatorio, despois de varios encontros celebrados de xeito online durante a pandemia. Nela, ademais de Galicia, participaron representantes das Administracións públicas de Cataluña, Asturias, Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana, Canarias, Castela-A Mancha, Murcia, Melilla, Aragón e Navarra.

Fundesarte, impulsora do observatorio, forma parte da Fundación EOI (Escuela de Organización Industrial), unha entidade vinculada ao Ministerio de Industria, Comercio y Turismo. Trátase da organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas, centrada en potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade do produto artesán e a sostibilidade dos seus procesos de elaboración. É tamén o organismo que cada ano convoca os Premios Nacionais de Artesanía e o que coordina a participación das diferentes Comunidades autónomas en proxectos de carácter internacional como é o caso dos Días Europeos da Artesanía ou de Crafts Code, nos que participa Artesanía de Galicia.