Lorenzana subliña o espazo conxunto que comparten a artesanía e a gastronomía en Galicia

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe o libro “Artesanía no Prato” no marco das xornadas que levan o mesmo nome
  • A publicación elaborada pola Fundación Artesanía de Galicia ilustra, a través diferentes fotografías, o resultado do traballo de colaboración entre 31 obradoiros e 15 restaurantes galegos
  • Concretamente, destacan as propostas elaboradas por recoñecidos chefs como Lucía Freitas e a ceramista Laura Delgado; Javier Olleros e o artesán da madeira Lorenzo Design; e Pepe Solla e a cerámica de Ana Tenorio
  • Lorenzana resalta que o obxectivo desta iniciativa é conectar a Marca Artesanía de Galicia coa nova cociña, e levala así ao ámbito da hostalería, o turismo ou a decoración

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o espazo conxunto que comparten a artesanía e a gastronomía en Galicia, tal e como a Xunta trata de fomentar a través das xornadas profesionais Artesanía no Prato, que se celebran esta fin de semana en Expocoruña.

No marco da cuarta edición deste evento, Lorenzana participou hoxe na presentación do libro Artesanía no Prato, elaborado pola Fundación Artesanía de Galicia, onde, a través diferentes fotografías, se ilustra o resultado do traballo de colaboración entre varios obradoiros e restaurantes galegos.

En total, son 12 establecementos os que participan xunto con 31 artesáns especializados en diferentes oficios. E, concretamente, destacan as propostas elaboradas por recoñecidos chefs como Lucía Freitas e a ceramista Laura Delgado; Javier Olleros e o artesán da madeira Lorenzo Design; e Pepe Solla e a cerámica de Ana Tenorio.

A conselleira apuntou que o obxectivo desta iniciativa é conectar a Marca Artesanía de Galicia coa nova cociña, e levala así ao ámbito da hostalería, o turismo ou a decoración. Salientou, neste sentido, que a artesanía e a gastronomía teñen en común a produción lenta, o traballo manual, o traballo de autor, a creatividade, a exclusividade e o uso de materia prima do noso contorno natural. E que, en consecuencia, o resultado desta simbiose está a superar expectativas, polo que será unha liña de traballo a continuar.

Un espazo para a cociña e a artesanía

Entre o domingo e o luns pasarán polo Espazo Cociña das IV Xornadas Artesanía no Prato un total de 11 cociñeiros galegos, nunha programación de demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar os pratos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia. Destaca o showcooking de Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), a partir das 19:30 horas, con produtos de Galicia Calidade.

Xunto con isto, en horario de 11:30 a 21:00 horas, presentaranse no Espazo Artesanía de Galicia produtos de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, dos que 12 deles participan por primeira vez co obxectivo de abrir novas vías de comercialización e novas áreas de traballo para os seus proxectos.

Trátase dos obradoiros especializados na madeira Aitor- Vikensen (Tomiño), Carballo Estrela (Pontevedra), Tresoficios (Teo) e Verdecima Tallas de Madeira (Mos); os ceramistas Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Cavalinho do Demo (Fornelos de Montes), Ceniza de papel (Lugo) e Pilarnia Arte (Taboadela); Red Ram Forge (A Coruña), especializado en coitelos; Natalia Moreno Artesanía y Diseño (Baiona), e estampaxe artesanal; GSC Petrum (Cuntis), en pedra; e mais o cesteiro O Carabel Ecocestos (Ferrol).