O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na inauguración da 41 edición de Mostrart, que se celebra desde hoxe ata o 31 de agosto na Coruña

  • A Xunta salienta o papel da feira Mostrart no impulso do selo Artesanía de Galicia e da aposta pola atracción de talento novo ao sector
  • Nesta 41 edición, participan 62 obradoiros artesáns dos que 50 pertencen ao selo Artesanía de Galicia, 11 artesáns doutras autonomías e ademais desenvólvense obradoiros abertos ao público e demostracións en vivo a cargo de artesáns
  • José González subliñou o labor da Asociación Galega de Artesáns na organización de iniciativas coma esta e o seu esforzo a prol da artesanía de Galicia
  • O conselleiro expuxo que a aposta do Goberno galego pola artesanía de Galicia reflíctese no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como os apoios para impulsar a comercialización e a competitividade deste sector

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na inauguración da 41 edición de Mostrart, que se celebra desde hoxe ata o 31 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña e que impulsa a Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta. Alí o conselleiro destacou o potencial desta cita no impulso do selo Artesanía de Galicia e na difusión de novos talentos neste sector, que contribúe a crear emprego e a dinamizar o territorio. 

Ademais, José González subliñou que é a feira de venda directa máis relevante de Galicia e tamén un escaparate de referencia a nivel nacional. De feito, nesta edición participan máis de 62 empresas artesáns das que 51 obradoiros pertencen ao selo Artesanía de Galicia. Estes obradoiros abranguen varios oficios, entre eles, coiro, téxtil, xoiería, bixutería, escultura, madeira, arte floral, xoguetes, cerámica, encadernación, papel e cartón, e instrumentos musicais. A eles súmanse 11 artesáns procedentes doutras comunidades autónomas que participan nesta iniciativa e o programa Oficios ao sol, que consisten en obradoiros gratuítos abertos ao público con demostracións en vivo a cargo de diferentes artesáns e que se desenvolverán todos os luns e martes de agosto. 

O conselleiro aproveitou tamén a ocasión para recoñecer o labor da Asociación Galega de Artesáns na polo seu esforzo a prol da artesanía de Galicia nos seus máis de 40 anos de historia e que se reflicte en accións como esta feira e tamén na creación da marca autonómica Artesanía de Galicia e na elaboración da Lei de Artesanía de Galicia, iniciativas nas que tivo un papel chave.

Compromiso da Xunta
O titular de Emprego, Comercio e Emigración expuxo que iniciativas coma esta exemplifican a aposta da Xunta a prol da artesanía galega, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, como vía de futuro para o emprendemento sostible promovendo a remuda xeracional. Unha aposta, engadiu reflectida tamén no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como as futuras bolsas de aprendices para o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciativa de formación continua para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos que aseguren o futuro do sector.

Isto compleméntase coa estratexia global de emprendemento que impulsa a Xunta, coa Rede de polos como aliada, e tamén coa atracción de talento das galegas e galegos do exterior, con apoios chave na remuda xeracional como as axudas ao Retorno Emprendedor (1M€). Outros apoios aos que se referiu o conselleiro son os destinados a obradoiros artesanais, concellos e asociacións para impulsar a comercialización e a competitividade da artesanía de Galicia, dos que se beneficia a Asociación Galega de Artesáns, e os Premios Artesanía de Galicia 2025, que visibilizan o potencial do sector artesán galego. 

Oficios ao sol
O programa Oficios ao sol comeza o luns 4 de agosto cun obradoiro téxtil de macramé a partir de 10 anos e a cargo de Nai Deseño Galego. O martes 5 de agosto celebrarase un de deseño e confección de toucado en quendas de 3 horas para maiores de 13 anos, impartido por Hana No Boshi. Ademais, o 11 de agosto terá lugar o obradoiro de cartón pedra en quendas dunha hora e media para persoas a partir dos 9 anos e a cargo de Marga Portomeñe, mentres, o 12 de agosto será o de iniciación á papiroflexia para maiores de 10 anos e impartido polo obradoiro Joyas de papel. O 18 de agosto está programado o taller de xoguete de madeira para maiores de 5 anos con Artesanía Silvent e o 19 un obradoiro de cestaría para maiores de 16 anos en quendas de hora e media e a cargo de La Parabólica.

Na última semana da feira, o 25 de agosto, haberá un taller de elaboración dun colgante ou adorno para maiores de 12 anos e en quendas de hora e media, que impartirá Jatafarta, e o 26 terá lugar outro de elaboración de pezas de cerámica para maiores de 6 anos, en quendas de hora e media e a cargo de Víctor Ares. En todos os obradoiros é necesario inscribirse previamente e os menores deben ir acompañados dun adulto.