O foro resonancias 23 bota a andar en Tui centrado no emprego de madeiras galegas na construción artesanal de instrumentos musicais
A terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23, impulsado pola Xunta, regresa hoxe e mañá como parte da programación do XVII Festival Música no Claustro de Tui. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou a media mañá nunha mesa redonda sobre emprendemento e desenvolvemento de novas oportunidades de negocio na cadea de valor entre as plantacións forestais e o sector profesional artesanal para activar o emprego de madeiras locais na artesanía, con especial atención á construción dos instrumentos musicais.
A programación de Resonancias 23, foro comisariado polo músico e investigador Samuel Diz, está marcada pola recente declaración do toque manual das campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da Unesco. Deste xeito, en colaboración da Asociación Campaneiros de Galicia, a organización inclúe unha intervención sonora previa aos concertos facendo vibrar o bronce das campás catedralicias.
As xornadas, cuxa programación completa se pode consultar aquí, inclúe diferentes charlas de especialistas e presentacións. Mañá xoves, 3 de agosto, os participantes achegaranse ás 10:30 horas ata Montes de Couso, en Gondomar, para ver un modelo de xestión do patrimonio natural e cultural, con Xosé Antón Arauxo e Francisco Pedras. Ás 12:30 horas trasladaranse ata Espacio Hylica, en Baiona, un proxecto de divulgación das técnicas antigas da artesanía fundado polos profesionais de Artesanía de Galicia Natalia Moreno e Régis Floury.
E ás 16:30 h, as visitas rematan en Arcos da Condesa (Caldas de Reis), no obradoiro artesanal Campás Ocampo, que conta con 400 anos de traxectoria, a cargo do artesán José Enrique Lopez Ocampo. A xornada remata de novo cunha intervención sonora de toque manual de campás, da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, ás 20:30h, e cun concerto de músicas do mundo, Ballaké Sissoko, kora (Mali), a partir das 21:00 horas.