O obradoiro de xoiería compostelán Noroeste gaña o premio produto nos Premios Nacionais de Artesanía

  • A titular desta compañía artesá, Jose Castro, recibe o galardón pola colección ‘Línea’, un conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos
  •  Os talleres Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela) resultaron finalistas no Premio Emprendemento
  • A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou en Madrid na cerimonia de entrega acompañando ás candidaturas galegas avaladas pola Xunta

O obradoiro artesán Noroeste (Santiago de Compostela) recibiu hoxe o Premio Nacional de Artesanía, na categoría Premio Produto, pola súa colección Línea, unha escolma de xoias que reflicten a filosofía de traballo da titular deste obradoiro compostelán, Jose Castro.

Ademais de Noroeste Obradoiro, competían tamén nos XIV Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o obradoiro de xoiería Rígido (A Coruña) e o obradoiro de bordado Variopinto (Santiago de Compostela), que resultaron finalistas no Premio Emprendemento. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, estivo presente nesta cerimonia de entrega acompañando ás candidaturas galegas avaladas pola Xunta.

As pezas coas que Noroeste Obradoiro obtivo o Premio Produto están inspiradas no concepto da liña, simple ou composta, recta ou curva, orgánica pero deixando sempre presente o valor da simplicidade xeométrica e unha textura delicada sobre o metal, ouro ou prata, que o converte en pel. A colección é un conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos, ocasionalmente con mínimos engadidos de pequenas pedras de cor ou diamantes en engastes sinxelos.

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.