O XX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira reunirá esta fin de semana a tornería europea nunha edición online

  • A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora un ano máis con esta iniciativa que permite poñer en valor este oficio tradicional
  • Esta edición do Encontro acolle demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora como en edicións anteriores no XX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra anualmente en Xermade e que esta fin de semana se converte nunha cita online a través da web www.encontrodetorneiros.org. A iniciativa permitirá visibilizar e poñer en valor o oficio do torneado de madeira así como contribuír ao intercambio de experiencias e ao desenvolvemento do sector grazas á participación de torneiros de recoñecido prestixio.

A edición online convértese no punto de encontro do torneado artesanal da madeira, no que cada ano participan profesionais non só de toda Galicia senón do resto de España e de Europa. Esta nova edición ofreceralle aos profesionais e afeccionados do oficio un espazo no que poder expoñer, contrastar e aprender.

Na renovada web www.encontrodetorneiros.org publicaranse a partir de hoxe no apartado Exposición 2020 pezas e demostracións especializadas a cargo de profesionais de prestixio internacional, amosando os traballos que os torneiros realizaron nesta tempada, e dotarase de novos contidos, como a XIII exposición da madeira torneada CONtornos, que recolle a representación do XIX Encontro celebrado o pasado ano.