Os Carunchos e Radio Cos encabezan a programación musical do XIII Corazón da Artesanía de Agolada impulsado pola Xunta

  • O día que comeza o evento —o venres 3 de xullo— actuarán a Charanga dos Pendellos e Comando Curuxás, mentres o sábado 4 Os Carunchos protagonizarán a sesión vermú, pola tarde haberá o pasarrúas de Bico da Balouta e á noite estará Mediarea
  • A programación musical nos Pendellos de Agolada péchase o domingo 5 coa sesión vermú de Radio Cos e coa actuación de Cantigas e Agarimos pola tarde
  • O Corazón da Artesanía é un encontro integral de divulgación, comercialización e posta en valor da Artesanía de Galicia que reunirá un total de 50 artesáns de diferentes oficios e 32 expositores de alimentación gourmet

A programación do XIII Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia —impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia nos Pendellos de Agolada os días 3, 4 e 5 de xullo— contará coas actuacións das bandas Os Carunchos, Radio Cos, Comando Curuxás e Mediarea. Ademais, están previstos pasarrúas a cargo da Charanga dos Pendellos e Bico da Balouta e o desfile e actuación de Cantigas e Agarimos, que pechará a programación musical do evento. O Corazón da Artesanía é un encontro integral de divulgación, comercialización e posta en valor da Artesanía de Galicia que no ano 2023 foi recoñecido co Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía.

A programación musical do Corazón da Artesanía comezará o venres 3 de xullo ás 22,30 horas na Praza do Concello, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación da banda Comando Curuxás, que presentará o seu segundo disco Carne de militancia. Comando Curuxás  está composto por músicos de longa traxectoria como Pablo Pardo, Miguel Anxo López, Serxio e Alberte Núñez, e Pablo Pascual. A súa música mestura un son que lembra as romarías, revisionado buscando unha combinación entre tradición e modernidade. Antes, ás 17,00 h., terá lugar un pasarrúas da Charanga Os Pendellos nos arredores da feira.

Tamén na Praza do Concello, terán lugar o sábado as actuacións dos Carunchos, ás 13,30 h. en sesión vermú, e Mediarea, xa pola noite a partir das 22,30 h. Os Carunchos nacen co obxectivo de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo unha formación nova e orixinal. O seu repertorio está formado por temas de nova creación e por versións musicadas de poemas da literatura galega, de autores como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor ou Manuel María. Pola súa banda, Mediarea é un cuarteto tradicional formado por Gael Pérez, Luís Malvido, Zé Pumar e Rodri Martínez, continuadores da tradición de gaiteiros do Morrazo, ao que incorporan a frescura de melodías e harmonías novas. Darán conta do seu novo disco, Virando por avante.

Pola tarde do sábado, ás 17,00 h., haberá un pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Bico da Balouta, no recinto da feira. Mentres, a última xornada contará na sesión vermú —a partir das 13,30 h., na Praza do Concello— coa actuación do grupo Radio Cos, a banda fundada por Quique Peón e Xurxo Fernandes que se reencontra despois de oito anos para a súa xira de despedida volvendo combinar música tradicional, polifonías e sonoridades populares. A programación musical do evento pecharase cun desfile e coa Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, a partir das 19,00 h.

Corazón da Artesanía
O Corazón da Artesanía é un evento multidisciplinar que en cada edición se consolida como un espazo de confluencia entre artesáns e profesionais de diferentes ámbitos, o que propicia as colaboracións, as sinerxías nas que a artesanía achega un valor engadido e o establecemento de novas relacións comerciais con empresas e marcas.

Na programación do XIII Corazón da Artesanía de Agolada inclúese a participación de 50 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia —entre expositores e docentes dos diferentes cursos— así como 32 postos de alimentación gourmet. O evento complétase coas demostracións gastronómicas do proxecto Artesanía no Prato, con cursos de formación, coa demostración de oficios en vivo e con obradoiros de iniciación abertos a todos os públicos.