Os Pendellos de Agolada prepáranse para a novena edición do ‘Corazón da Artesanía’ esta fin de semana

 

  • Entre o 8 e o 10 de xullo, 42 obradoiros de Artesanía de Galicia de diferentes oficios e unha trintena de expositores de produtos de alimentación participarán nun evento no que se pon en valor a artesanía tradicional galega e a súa interrelación con outras disciplinas como a gastronomía
  • O Premio Nacional de Artesanía, José Luis Bazán, e as recentemente galardoadas Idoia Cuesta e Jose Castro impartirán diferentes cursos de formación durante toda a fin de semana

A Xunta organiza o Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra desde o venres 8 ata o domingo 10 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra).  O Encontro, impulsado a través da Fundación Artesanía de Galicia, consolídase en cada edición como un evento de referencia na divulgación e na posta en valor dos oficios artesanais galegos, especialmente naqueles máis tradicionais.

Durante tres días, os Pendellos de Agolada volveranse encher con demostracións de artesáns, exposición e venda de produtos de alimentación gourmet, cursos de formación tanto para público especializado como para todos os públicos, música e showcookings da mellor gastronomía galega servida en pezas da marca Artesanía de Galicia. Na edición deste ano contarase con 57 artesáns de 27 oficios diferentes, actuacións musicais, talleres abertos de iniciación aos oficios artesanais e cursos especializados con inscrición previa. O horario do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.

Os 57 artesáns que participarán nesta novena edición representan un total de 27 oficios diferentes: marroquinería e coiro, instrumentos musicais, redeiras, téxtil, encaixe, tapices, tecido en baixo lizo, elaboración de traxe tradicional, xoiería, ourivería, forxa, labores de palla, colareiras, cerámica, olería, zapatería, cantería, talla en madeira, tornería de madeira, elaboración de zocos, xoguetes e bonecos, debuxo e ilustración, elaboración de papel, elaboración de figuras tradicionais de miga de pan, cestería, cartón pedra e bordado ao aire.

Dos 42 expositores de Artesanía de Galicia – 18 son obradoiros que participan por primeira vez neste encontro – 21 obradoiros pertencen á provincia da Coruña, 10 á de Lugo, tres á de Ourense e oito á de Pontevedra.

Da provincia da Coruña participan os obradoiros composteláns Artesanía JMR, Brazolinda, Macala, Deica! Creacións, Ilex Talla, Jatafarta, Ocarina Paprolo, Kinga Haudek e Susi Gesto; os da Coruña Fiando Miúdo; de Buño (Malpica de Bergantiños) participan Alfarería Lista, Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín; Belategui Regueiro e Obradoiro de Gaitas Seivane, de Cambre, este último, Premio Traxectoria 2021 nos Premios Artesanía de Galicia; Cerámica Unzueta (Brión); Laia Zapateiros (Melide); Manuel Figueiras (Muros); Redeiras artesás (Ponteceso); Pedras de papel (Rianxo); e Siliva (Abegondo).

Os obradoiros da provincia de Lugo que participan no Corazón da Artesanía son Enxógate e Armaior, de Quiroga;  Raíces Nómadas (Ribadeo); Centro Oleiro Rectoral de Gundivós (Sober); Coitelos Fonsagrada (A Fonsagrada); Lucecús (Guitiriz); os obradoiros Fusaiola e José Luis Canteiro, de Vilalba; e mais Tres caracoles e Milbrumas, de Lugo.

De Ourense participan Lumecú (Vilar de Santos), O Reberete (Maside) e mais Xaime Piñeiro (Allariz), os tres obradoiros asisten ao Corazón da Artesanía por primeira vez. Da provincia de Pontevedra, participan por primeira vez M. Isabel (Silleda) e Vikensen (Tomiño), e repiten os obradoiros de Vigo A Casa Rodante, coIRaxe e Mario López Joyería de Autor; Eferro (Vila de Cruces); Montse Betanzos (O Grove); e Zimzelatum (Gondomar).

Artesanía no prato

Como en edicións anteriores, o programa de actividades inclúe a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto no que a Artesanía de Galicia se une coa cociña galega máis vangardista a través de demostracións gastronómicas de prestixiosos chefs galegos.

Os cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas (unha Estrela Michelin e dous Soles Repsol), Héctor López (dous Soles Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así coma o chef Álvaro Fuentes (dous Soles Repsol), realizarán demostracións culinarias durante os días 8, 9 e 10 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada. Nun espazo único, os asistentes aos showcookings poderán degustar menús elaborados por prestixiosos profesionais da mellor gastronomía galega e servidos en pezas de Artesanía de Galicia e elaborados polos obradoiros Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños), Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños), Armaior (Quiroga), os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica e Arteviares, Celso Ferreiro (A Fonsagrada), Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces), Laura Delgado (Cambre), Lorenzo Design (Santiago de Compostela), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) e Regal Cerámica (Viveiro), así como pezas elaboradas polo cesteiro Antonio Suárez Dávila (Vigo).

A programación de Artesanía no Prato completarase con dúas degustacións que terán lugar no mesmo espazo que os showcooking. O venres ás 20:00 horas está previsto realizar unha cata de viños certificados por Galicia Calidade, a cargo da enóloga Cristina Murga e o domingo terán lugar os Obradoiros Servizo Perfecto by Estrella Galicia, ás 18:00 e ás 19:00 horas.

Para poder asistir a calquera das actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692 843 313 (en horario de 9,00 horas a 14,00 horas) ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.

Estes showcookings e degustacións forman parte dunha oferta gastronómica que se complementa con 31 expositores de produtos gourmet. Haberá postos de viños, conservas, licores, produtos elaborados con castaña, fabas, cervexas artesás, embutidos de porco e galo celta, meles e doces, entre outros, e nas proximidades dos Pendellos estarán a disposición dos visitantes as food trucks ourensás Comecamiños e Gale Truck.

Dos 31 expositores de alimentación, seis participan por primeira vez: son Conservas y ahumados Lou (Ribeira), Conservas Faro de Burela (Burela), Aboamigalla e Nela Gourmet&Nela Biosense, de San Cristovo de Cea; así coma os expositores da provincia de Pontevedra Maruxío (A Estrada) e Trasdeza Natur (Silleda).

Entre os expositores de alimentación que repiten a súa participación en Agolada atópanse sete da provincia da Coruña, seis de Lugo, catro de Ourense e oito de Pontevedra: Acastrexa (Cambre), Aldea de Barrio (Sobrado), AléAlé S.Coop Galega (Arteixo), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), CampoCapela (A Capela), Heladería Xearte Brigitte (Santiago de Compostela) e Mamá Teresa doces artesáns (Arzúa), da provincia da Coruña.

Cosmética Muuhlloa (Monterroso), DoSouto (Paradela), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Galletas Xianas (Taboada), Torta de Sarria (Sarria) e Tres Fuciños S. Coop. Galega (Carballedo), da provincia de Lugo. Da de Ourense participan de novo Adegas Celme (Castrelo de Miño), Ánades Galicia (Vilardevós), Castañas Petelo (Allariz) e Sovoral (Xunqueira de Ambia); e da de Pontevedra repiten A Molinera Tenda do Avó (Salvaterra de Miño), Chocolates Castelo do Sobroso (Ponteareas), Do Gaiteiro (Lalín), Galo Celta (Vila de Cruces), Requeixo e mel de As Neves (As Neves), Rosabeles (O Rosal), Xacobleas (Vilagarcía de Arousa) e 3 Pastas Delicatessen (Meis)

Formación

Entre as novidades desta edición destacan as actividades formativas que van impartir dous recoñecidos artesáns de fóra de Galicia e para os que foi preciso realizar unha inscrición previa: o mestre do coiro José Luis Bazán, Premio Nacional de Artesanía 2021, e Simone Simón, especializada na cestería con esparto. Tamén precisan inscrición os cursos de Bordado en La, a cargo de Logaro (Ourense), de xoiería impartido por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) e recentemente galardoada co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021, e Bordado ao aire, que impartirá Zeltia ao aire (A Coruña). Para estes cursos aínda hai prazas dispoñibles e as inscricións pódense facer a través da páxina da Fundación Artesanía de Galicia.

Entre os obradoiros abertos a todos os públicos destacan o de cestería impartido por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021; o de elaboración de Sanandresiños a cargo de Jorge Bellón (Cedeira); o de tecido en alto lizo de Marina Seoane (Oleiros), o de remate de xoguetes de madeira, a cargo de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); tricotosa con María José Martínez e José Antonio Carrera, e iniciación ao torno cerámico.

Música

O programa do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos musicais que terán lugar na Praza do Concello durante os tres días do evento. A programación musical comezará o venres ás 22:00 horas, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación de Aparato DJ SET, que tamén actuará na sesión vermú do domingo día 10, a partir das 13:00 horas.

As actuacións musicais do sábado 9 de xullo correrán a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, a partir das 13:00 horas, e do Comando Curuxás, ás 22:30h, xa pechada a feira. A última das actuacións musicais programadas correrá a cargo de Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, que terá lugar o domingo a partir das 19:00 horas, na Praza do Concello.