Os Pendellos de Agolada reuniron esta fin de semana a 6.000 persoas no Corazón da Artesanía

  • A Xunta destaca a grande repercusión económica e de promoción que este encontro supón para os artesáns, grazas á visita de prescritores, xornalistas, grandes empresas e tendas especializadas
  • Nesta novena edición destacou a ampla renovación dos expositores, que superou o 40%, cun total de 18 expositores de Artesanía de Galicia que participaban por primeira vez
  • O programa deste ano amosou o traballo dun total de 57 artesáns de 27 oficios diferentes, e contou con 31 expositores de produtos gourmet
  • A iniciativa Artesanía no Prato, coa que se promoven as sinerxías entre Artesanía de Galicia e gastronomía, contou con showcookings de catro prestixiosos cociñeiros galegos
     

O Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Xunta, pechou onte as súas portas nos Pendellos de Agolada (Pontevedra) despois dunha fin de semana na que volveu encher o recinto histórico artístico dos Pendellos no epicentro da Artesanía de Galicia, da gastronomía e da música. Un total de 6.000 persoas achegáronse entre o venres e o domingo ata Agolada para disfrutar do traballo de 57 profesionais da artesanía, que representaban 27 oficios diferentes, así como visitar os 31 expositores de produtos gourmet. Deste xeito, nas nove edicións celebradas ata a data, o encontro supera os 60.000 asistentes, consolidando esta cita como referente anual do sector en Galicia.

Dos 57 artesáns, 42 eran expositores de Artesanía de Galicia que ademais de vender o seu produto tamén realizaban demostracións para os visitantes, dos que 18 participaban por primeira vez, o que supón unha ampla renovación de expositores que superou o 40%.
 O resto eran profesionais da artesanía que participaron en calidade de docentes tanto para os cursos especializados de artesanía – de coiro, de esparto, de xoiaría, de bordado e de pasamanería – como para os talleres abertos a todos os públicos, de iniciación a diferentes oficios artesanais, como a cestería, a elaboración de sanandresiños, a olería, o tecido ou o remate de xoguetes de madeira.

O Corazón da Artesanía, organizado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, constitúe un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesanais que se afianza cada ano e promove relacións entre artesáns e empresas de distribución de produto, cociñeiros, marcas, tendas e outros prescritores que teñen repercusión económica a medio e longo prazo. Esta novena edición recibiu a visita de representantes de varias marcas e tendas especializadas, de xornalistas e de prescritores que permitirán que a repercusión económica e promocional que supón o Corazón da Artesanía para os obradoiros de Artesanía de Galicia participantes vaia moito máis alá das vendas realizadas na feira esta fin de semana.

A iniciativa Artesanía no Prato – no que a Artesanía de Galicia se une coa cociña galega máis vangardista a través de demostracións gastronómicas de prestixiosos chefs galegos– contou con showcookings de catro prestixiosos cociñeiros galegos. Foron os chefs do Grupo Nove, Lucía Freitas (unha Estrela Michelin e dous Soles Repsol), Héctor López (dous Soles Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así coma o chef Álvaro Fuentes (dous Soles Repsol). A programación desta iniciativa completouse cunha cata de viños certificados por Galicia Calidade a cargo de Cristina Murga e cos talleres Servizo Perfecto by Estrella Galicia, a cargo de Gustavo Rey.

As actuacións musicais que complementaron a programación do Corazón da Artesanía, a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de salitre, Comando Curuxás, Aparato DJ Set e Cantigas e Agarimos, tamén resultaron un éxito, enchendo a Praza do Concello de público que visitou o Encontro.