Os Premios Nacionais de Artesanía 2023 recoñecen o labor de dous obradoiros galegos e da Fundación Artesanía de Galicia

  • O cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) recibe o Premio Nacional de Artesanía e o obradoiro de tecido Inés Rir&Co (Allariz) gaña o galardón na categoría de Produto
  • A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, obtén o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo encontro Corazón da Artesanía, que se celebra en Agolada
  • O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, recolleron esta mañá en Madrid o galardón en recoñecemento deste evento integral que busca impulsar a comercialización da Artesanía de Galicia, a divulgación dos oficios artesanais e ás sinerxías entre artesanía e outros sectores
  • É a primeira vez que o sector artesán galego recibe premios en tres das cinco categorías de maneira simultánea e a terceira vez que un artesán galego recibe o Premio Nacional de Artesanía, co que xa contan o Obradoiro de Gaitas Seivane e Elena Ferro

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na cerimonia de entrega dos XVI Premios Nacionais de Artesanía 2023, nos que resultaron premiadas tres iniciativas galegas. O cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) recibiu o Premio Nacional de Artesanía, o obradoiro de tecido Inés Rir&Co (Allariz) gañou o galardón na categoría de Produto e a Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia; mentres que a cesteira Julia de la Cal (O Porriño), resultou finalista na categoría de Emprendemento. 
É a primeira vez que o sector artesán galego resulta gañador en tres das cinco categorías destes galardóns e a terceira vez que un artesán de Artesanía de Galicia obtén o Premio Nacional de Artesanía, un galardón que recibiron o Obradoiro de Gaitas Seivane no ano 2013 e Elena Ferro no 2019. 
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento  das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas. 
Galardoados
O Premio Nacional de Artesanía 2023 recaeu no cesteiro Álvaro Leiro (Pazos de Borbén), que xa fora recoñecido co Premio Maestro Artesano Círculo Fortuny ao Mellor artesán de vangarda 2023. O seu traballo comeza coa investigación da artesanía tradicional vinculada á cestería en espiral, unha técnica empregada tradicionalmente para fabricar cestos e recipientes para transportar auga e alimentos. Desde o ano 2016 colabora coa firma Loewe, coa que entrou en contacto durante a celebración do Corazón da Artesanía de Agolada e desde aquela os seus deseños forman parte do catálogo de bolsos desta marca. No ano 2022, Loewe presentou no Salón do Moble de Milán un bolso inspirado nas corozas tradicionais galegas, unha das prendas máis antigas da vestimenta galega que se empregaba para protexerse da chuvia e do frío. Leiro participou tamén na colección de Loewe presentada no Salón do Moble de Milán 2023 a través da elaboración de bolsos/cestas elaborados con coiro.

O obradoiro Inés RIR&CO Deseño Textil (Allariz) recibiu o Premio Produto pola súa manta de bebé “D-Leite”, elaborada con fibra de proteína láctea. RIR&CO é un obradoiro dedicado á elaboración artesanal de tecidos en tear, nos que busca sempre a incorporación de novos materiais, formas e texturas. En 2021, esta manta “D-Leite” xa resultou gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, convocado pola Xunta, na categoría Artesanal e participa nas exposicións Galicia Futura e mais no proxecto transfronteirizo Circular Labs, impulsado pola Escola de Organización Industrial (EOI), e foi seleccionado como exemplo de boas prácticas, sustentables e saudables como produto no concurso "New European Bauhaus". “D-leite” está tecida con fibra de proteína láctea, un material absorbente, antibacteriano, hipoalerxénico e biodegradable, que favorece a creación dun vínculo sensorial entre a nai e o bebé.
E a Fundación Artesanía de Galicia recibiu o Premio Promociona para Entidades Públicas, en recoñecemento ao evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, desde o ano 2012. Con este é o terceiro galardón nacional recibido pola Fundación Artesanía de Galicia en recoñecemento ao seu traballo de impulso e promoción do sector artesán galego, xa que resultou gañadora desta mesma categoría nos anos 2012 e 2016, polo proxecto Enredadas, de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas, impulsado dende o ano 2012 en colaboración coa Consellería do Mar. 
O Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que xa resultara finalista na edición do ano pasado, é un encontro integral, cunha posta en escena moi coidada, destinado á divulgación dos oficios artesanais, a impulsar a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como a buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, a gastronomía ou o deseño. Ano tras ano, este Encontro consolídase como un espazo de confluencia entre artesáns e profesionais de diferentes ámbitos –deseñadores, decoradores, xornalistas, prescritores de grandes marcas e profesionais de tendas especializadas– que están permitindo establecer relacións comerciais e interesantes colaboracións que están a abrirlle as portas de moitos ámbitos, empresas e marcas á Artesanía de Galicia.