As redeiras de Corme amosan en París o seu oficio e a nova colección de complementos para mascotas xurdida a raíz do proxecto ‘Enredadas’

A Xunta de Galicia continúa co seu impulso á posta en valor do oficio tradicional das redeiras galegas e á súa diversificación a través do proxecto Enredadas, cuxos resultados estarán presentes nunha tenda efémera no mercado Le Bon Marché de París ata o mes de outubro. Con motivo da inauguración desta tenda pop up, dúas redeiras de Corme (Ponteceso) participantes no proxecto atópanse esta fin de semana en París para presentar a colección cápsula elaborada en colaboración coa empresa pontevedresa The Painter’s Wife, especializada nos complementos para mascotas.

Entre hoxe e mañá, as artesás Rosa Rodríguez e Gloria Santos farán unha demostración do oficio da elaboración de redes e ofrecerán ademais un servizo de personalización de correas e de arneses. Esta colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao colectivo de redeiras artesás galegas, “Integrando a artesanía no sector das mascotas”, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano.

Esta actividade formativa impulsada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– e pola Consellería do Mar e na que participaron oito redeiras artesás, estivo impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto. O seu obxectivo era a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente á man, empregando materiais procedentes das artes de pesca. A colección está xa dispoñible na tenda online de The Painter’s Wife e poderase mercar na tenda efémera Olé Olé, da que forma parte esta marca de complementos para mascotas, e que está aberta ata finais de outubro en Le Bon Marché de París.

The Painter’s Wife é unha marca de roupa e accesorios para cans e os seus donos, que traballan desde o seu lanzamento con materiais sustentables, na súa maioría de orixe e produción local, nesta ocasión incorporan ademais o traballo do colectivo das redeiras, un oficio de fonda tradición na costa galega que está amparado ademais pola marca Artesanía de Galicia.

Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e pola Consellería do Mar desde o ano 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para facilitarlles a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que agora se lle engade o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas teñen a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, e aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, ao tempo que apoia a comercialización dos novos produtos. Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.