As redeiras galegas aprenden a diversificar a súa actividade cara ao sector da moda e dos complementos

  • Doce artesás de Cariño, Corme, Malpica e Portonovo comezan hoxe en Buño o curso “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos”,  impartido pola deseñadora de moda Rosalía Castro
  • A actividade forma parte do proxecto Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e mais a Consellería do Mar, co que se busca diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia

Un total de 12 redeiras artesás galegas participan no curso “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos”, que comeza hoxe en Buño, impartido pola deseñadora de moda Rosalía Castro. A actividade está enmarcada no proxecto Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e mais a Consellería do Mar, co obxectivo de promover a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas. As participantes deste curso son redeiras artesás que desenvolven o seu traballo nos portos de Cariño, Corme, Malpica e Portonovo.

O curso “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos”, de 60 horas de duración, desenvolverase en Buño (Malpica de Bergantiños) os días 24 e 25 de outubro, 6, 7, 8, 14 e 15 de novembro e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que cede o uso do salón de actos das instalacións do Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños.

Esta iniciativa de formación permitiralle ás artesás iniciar unha nova aprendizaxe, a partir das técnicas do seu oficio, para coñecer o proceso creativo na moda, así como para aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.

Rosalía Castro é deseñadora de moda e traballa na actualidade para importantes industrias téxtiles. Repite experiencia como docente no proxecto Enredadas, no que se encargou de impartir os cursos de aplicación de redes mariñeiras aos complementos de moda nos anos 2015 e 2016.

Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016. O desenvolvemento do proxecto está permitindo establecer unha colaboración intersectorial con diferentes axentes: moda, mobiliario, bixutería, complementos, decoración, fotografía, escaparatismo ou xestión comercial. Ademais, estase a fomentar a comercialización off/online destas novas liñas.