Tres empresas de Artesanía de Galicia, entre as finalistas dos Premios Nacionais 2021

  • O obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela), especializado en bordado, e o de xoiería Rígido (A Coruña) competirán polo Premio Emprendemento, mentres que o compostelán Noroeste Obradoiro opta ao Premio Produto pola súa colección de xoias Línea

Tres candidaturas galegas avaladas por Artesanía de Galicia optan como finalistas aos XIV Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dos obradoiros Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela), ambos aspirantes ao Premio Emprendemento, e o de xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), que compite na categoría de Premio Produto. 

Estes galardóns nacionais están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer a aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que teñan contribuído de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

En total, a XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía recibiu 116 candidaturas procedentes de toda España e de multitude de sectores, das cales foron seleccionados 15 proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías dos galardóns.

Finalistas galegos
O obradoiro de xoiería compostelán Noroeste Obradoiro –que xa fora gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016– opta ao Premio Produto por Línea, unha colección de xoias que reflicten a súa filosofía de traballo xa que as pezas están inspiradas no concepto da liña, deixando sempre presente o valor da simplicidade xeométrica e unha textura delicada sobre o metal, ouro ou prata, que o converte en pel. A colección baséase nun conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos, ocasionalmente con mínimos engadidos de pequenas pedras de cor ou diamantes en engastes sinxelos. 

Na categoría Premio ao Emprendemento compiten as outras dúas candidaturas galegas. Por unha banda, o obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela), que xa resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto 2019 nos Premios Artesanía de Galicia e co segundo premio Versiona Thyssen 2020. A firma, con Minia Banet á fronte, é un estudio creativo que mestura a fotografía co bordado contemporáneo dando lugar a singulares pezas de decoración e accesorios que comercializa en tendas físicas e online de España, Francia e Alemaña. Foi creado en 2017 co obxectivo de aprender, conservar e modernizar unha técnica milenaria como é o bordado tradicional.  

A outra empresa galega finalista nesta categoría é o obradoiro coruñés Rígido, especializado en xoiería. O proxecto veu a luz en 2020 da man de Carla Barral e Javier González coa intención de comunicar que a artesanía pode ser deseño, que pode ser moda e, sobre todo, que a artesanía e a produción local son un camiño necesario nos hábitos de consumo do século XXI.