A Xunta abre mañá luns o prazo de presentación de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia

  • O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, está destinado a unha obra ou colección realizada por un obradoiro artesanal
  • O Premio Traxectoria, de carácter honorífico, é un recoñecemento do sector á experiencia na práctica ou na divulgación dun oficio, e a Bolsa Eloy Gesto está dotada con 4.000 euros para a formación dun profesional que non supere os 40 anos
  • As propostas poderanse presentar ata as 14:30 horas do venres 28 de outubro
     

Desde mañá luns, 17 de outubro, e ata o 28 de outubro estará aberto o prazo para a recepción de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia 2022, convocados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de recoñecer un ano máis o talento e a traxectoria dos artesáns galegos, así como de impulsar o relevo xeracional no sector.

Como en anos anteriores, estes galardóns dividiranse nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto. As solicitudes e a documentación complementaria deberanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, agás na modalidade Premio Artesanía de Galicia 2022, na cal a presentación da solicitude terá que se realizar de forma presencial na Fundación Pública Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. O prazo de presentación de candidaturas remata ás 14:30 horas do venres 28 de outubro e para máis información pódese consultar a convocatoria publicada no DOG ou chamar ao teléfono 881999174.
 
Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
 
O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. As persoas interesadas deberán presentar unha peza orixinal (ou maqueta se fose necesario por cuestións de volume, peso ou localización), un sobre pechado A coa documentación en papel do obradoiro e unha declaración de autoría e de que é inédita, e un sobre pechado B no que figurará a documentación da proposta que se presentará en formato dixital: ficha técnica, imaxes e memoria descritiva. Nin a peza nin a memoria poderán estar asinadas nin conter distintivos que as indentifiquen cunha marca ou cun autor, e cada participante pode presentar dúas candidaturas como máximo.
 
O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da artesanía.

O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.
 
As candidaturas deberán incluír a solicitude en papel e unha memoria de presentación e currículo da persoa candidata, en formato dixital, na que se sinalen as razóns polas cales se propón ao premio, así coma un mínimo de 15 imaxes (10 de pezas rematadas e 5 da persoa candidata ao premio).
 
Os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño.
 
Nesta categoría poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2022. A documentación que deberán presentar constará da solicitude e do currículo da persoa candidata, en papel, e máis dunha memoria descritiva en soporte dixital sobre o traballo da persoa candidata, programa ou contidos principais que desexa adquirir a través da bolsa.