A Xunta amosa en Val do Dubra os oficios tradicionais da elaboración de zocos e de pandeiretas a través do proxecto Artesanía na Escola

  • Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín achegáronse ata o CPI de Bembibre e o CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, de Portomouro, para facer demostracións da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas
  • Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia dende 2023 co que se busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais como unha profesión de futuro 

A Fundación Artesanía de Galicia levou esta semana o proxecto Artesanía na Escola ata o CPI de Bembribre e o CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, de Portomouro, ambos os dous no Concello de Val do Dubra. Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín —protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas deste proxecto de divulgación— realizaron onte demostracións dos seus oficios de elaboración de zocos e de construción de pandeiretas de maneira simultánea, en dous pases que tiveron lugar a partir das 10,00 e das 12,00 horas. 

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Eu son zoqueira é a unidade didáctica coa que se iniciou este proxecto e nela explícase o oficio dos zoqueiros e a importancia deste calzado tradicional en Galicia a través da figura de Elena Ferro, titular do taller familiar Eferro (Merza, Vila de Cruces), galardoado no ano 2019 co Premio Nacional de Artesanía. Elena Ferro conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.