A Xunta amosálle aos escolares de Boiro os oficios da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas no marco do seu proxecto Artesanía na Escola

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse hoxe ata o CEIP Santa Baia para presentar este programa de divulgación dos oficios artesanais impulsado polo Goberno galego
  • A zoqueira Elena Ferro e o artesán Xosé Manuel Sanín, que protagonizan as dúas primeiras unidades didácticas, realizan demostracións a primeira hora nese centro para desprazarse despois o CEIP Cespón

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao CEIP Santa Baia de Boiro para presentar o programa Artesanía na Escola impulsado pola Xunta e para asistir ás demostracións da zoqueira Elena Ferro e do artesán de instrumentos tradicionais de percusión Xosé Manuel Sanín, que protagonizan as dúas primeiras unidades didácticas desta iniciativa de divulgación da artesanía. Os dous artesáns achéganse tamén hoxe ao CEIP Cespón. 

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2024 dirixido a achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. O obxectivo é presentarlles aos escolares diferentes oficios artesanais como unha profesión de futuro —facendo fincapé nos máis tradicionais— ao tempo que conciencialos do valor do produto feito á man e da marca Artesanía de Galicia.

Artesanía na escola comezou cunha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado a este produto sen que perdese a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola. Baixo o título Eu son artesán de percusión tradicional, céntrase na historia e elaboración da pandeireta, un dos instrumentos máis tradicionais de Galicia.

A Fundación Artesanía de Galicia continúa a traballar na seguinte unidade didáctica que estará centrada na elaboración de figuras de pan de Santo André de Teixido, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.