A Xunta amosálle a escolares de primaria da provincia de Lugo o oficio da elaboración de zocos a través do proxecto ´Artesanía na Escola´

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López, de Sarria, e ata o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda nunha nova xornada do programa
  • Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista desta unidade didáctica da iniciativa, na que se busca divulgar os oficios artesanais entre a mocidade

A Xunta levou esta mañá o seu proxecto de divulgación dos nosos oficios artesanais, Artesanía na Escola, ao CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López, de Sarria. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o centro para asistir á demostración da zoqueira Elena Ferro, que protagoniza unha das unidades didácticas deste programa de divulgación da artesanía e que leva por título Eu son zoqueira. Posteriormente, trasladáronse ata Bóveda para presentar o proxecto no CEIP Rosalía de Castro, no que Elena Ferro tamén realizou unha demostración do seu oficio.

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

En concreto, Eu son zoqueira está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Achegarlle os oficios artesáns á mocidade
Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Neste ano 2025 estase a levar aos centros de ensino a segunda das unidades didácticas do programa —Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín—, e estase a traballar xa noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.