A Xunta amósalle a escolares de Santiago os oficios da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas no marco do proxecto 'Artesanía na Escola'
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitou hoxe o CPR Compañía de María para asistir ás demostracións da zoqueira Elena Ferro e do artesán Xosé Manuel Sanín, que protagonizan as dúas primeiras unidades didácticas deste programa autonómico
A Xunta inicia as demostracións de oficios artesanais nos centros de ensino para o curso 2025-2026, enmarcadas no proxecto Artesanía na escola. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o compostelán CPR Compañía de María para asistir ás demostracións da zoqueira Elena Ferro e do artesán de instrumentos tradicionais de percusión Xosé Manuel Sanín, que protagonizan as dúas primeiras unidades didácticas deste programa de divulgación da artesanía.
Artesanía na escola é unha iniciativa impulsada pola Xunta para achegar os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. O obxectivo é irlles presentando diferentes oficios artesanais como unha profesión de futuro, facendo fincapé nos máis tradicionais. Ao tempo, perséguese conciencialos do valor do produto feito á man e da marca Artesanía de Galicia.
O programa artéllase a través de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais, nas que se inclúe unha unidade didáctica en papel que se lles envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar en Artesanía na escola.
Os obxectivos do programa son divulgar os oficios artesanais como parte do noso patrimonio cultural e do sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea, transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular e, por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
Cómpre sinalar que Artesanía na escola comezou cunha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía en 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural como son os zocos de madeira, aos que conseguiu outorgar un novo significado sen arrebatarlles a súa esencia reinventándoos como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. Esta mañá, achegouse ata o CPR Compañía de María para amosarlle o seu oficio a dous grupos de 6º de Primaria.
Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) encargouse das demostracións a dous grupos de 5º de Primaria. Sanín é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola, centrada na historia e elaboración da pandeireta como un dos instrumentos máis tradicionais de Galicia.
A Fundación Artesanía de Galicia continúa a traballar na seguinte unidade didáctica que estará centrada na elaboración de figuras de pan de Santo André de Teixido, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.