A Xunta analiza co sector os retos de futuro da artesanía en Galicia

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou nunha xuntanza con representantes das asociacións profesionais de artesáns co obxectivo de recoller as súas achegas e seguir traballando xuntos a prol dun sector artesán competitivo e adaptado ás novas realidades de consumo
     
  • Durante a reunión, informouse da nova Lei de Artesanía, que está en proceso de tramitación e coa que se busca actualizar e modernizar a normativa vixente

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, reuniuse onte pola tarde con representantes das diferentes asociacións profesionais de artesáns para analizar a situación da artesanía galega e recoller as súas achegas para seguir traballando xuntos a prol dun sector artesán competitivo e adaptado ás novas realidades sociais e hábitos de consumo.

Na xuntanza participaron representantes da AGA Asociación Galega de Artesáns, o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros de Galicia e da cooperativa Creativas Galegas; así como representantes da Asociación de Artesáns de Ourense, da Asociación Olería de Buño, da Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá, da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), de Ourives de Compostela e da Asociación de Artesáns Os Muíños de Mondoñedo.

Na reunión, o director xeral escoitou as propostas do sector en relación a diferentes aspectos, como os programas de axudas que cada ano impulsa a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destinadas ao sector artesanal.

Lei de Artesanía
Así mesmo, Manuel Heredia aproveitou para informar os representantes do sector sobre a nova Lei de Artesanía –actualmente en tramitación– coa que se busca actualizar e modernizar a normativa vixente, que data xa do 1992, e impulsar a artesanía galega cara ao futuro como unha actividade económica sostible e xeradora de emprego vinculada ao territorio.

A través desta nova lexislación, a Xunta busca crear un marco xurídico que se adecúe á nova realidade do sector artesanal e manteña e promova a súa importancia social, cultural, identitaria e económica, ao tempo que contribúa a incrementar a profesionalización e a competitividade do sector, apostando por un tecido profesional forte e perdurable no tempo. As propostas do sector artesán serán analizadas para a redacción e desenvolvemento dos decretos que se incorporarán á Lei, e estableceranse diferentes grupos de traballo.