A Xunta apoia a celebración en liña da feira de artesanía Ofeitoaman

  • A Fundación Artesanía de Galicia colabora de novo coa Asociación Galega de Artesáns, organizadora do evento, co obxectivo de apoiar a comercialización do produto artesán galego na época do Nadal

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora coa 36 edición da feira de Ofeitoaman, a feira de artesanía máis emblemática do Nadal en Galicia. O evento, que se celebra habitualmente na cidade de Vigo, transfórmase este ano nunha feira de carácter virtual.
O público pode contactar e mercar as súas pezas nos obradoiros, noutros puntos de venda, ou nas súas tendas virtuais, accedendo a toda a información a través da web de Ofeitoaman, que xa está operativa.
Moitos dos artesáns participantes de Ofeitoaman teñen os seus obradoiros na cidade de Vigo, ou nos concellos limítrofes, polo que algúns deles contan con tendas físicas, ou admiten visitas nos seus obradoiros nas que poder mercar os seus produtos. Noutros casos, as pezas poden ser adquiridas a través das súas tendas en liña, ou ben noutras tendas especializadas de artesanía e agasallos.
A web ofrece un enlace directo por Whatsapp no caso dos artesáns que teñen establecido este medio de contacto. A web permite ao público unha visita virtual e o acceso a toda a información dos obradoiros, con fotografías, datos de contacto, indicacións sobre se admite visitas, ou puntos de venda alternativos.
Ademais, a Asociación Galega de Artesáns pon á disposición de usuarios e consumidores un servizo de atención telefónica para calquera consulta ou axuda sobre produtos artesáns dos/as seus socios/as en toda Galicia: 981 293 688 (en horario de 8 a 14 h.), ou o 616 539 251 (tamén Whatsapp).