A Xunta apoia a celebración na Coruña dos Días Europeos da Artesanía con demostracións e obradoiros de oficios artesanais no Centro Ágora

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá a iniciativa Oficios en Acción, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación
  • Ofrécense demostracións de oficios e obradoiros participativos especializados en cerámica, xoiería, vidro, encadernación, estampaxe, téxtil e coiro
  • Os Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata o domingo, son unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais que se celebra cada ano en diferentes países e cuxo programa de actividades na nosa Comunidade está coordinado pola Fundación Artesanía de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá na Coruña a iniciativa Oficios en Acción, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía. Entre o 2 ao 7 de abril, Galicia súmase a esta iniciativa europea de divulgación dos oficios artesanais a través dunha ampla programación de demostracións, talleres, cursos, visitas guiadas e xornadas de portas abertas impulsados por máis de 60 obradoiros inscritos en artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, é de novo a encargada de coordinar o programa de actividades na Comunidade e colabora con diferentes propostas que se están a desenvolver dende o pasado martes en Xinzo de Limia, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela, Cuntis, Vigo, Ponteceso, Muros, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Catoira e Niñodaguia. O programa completo e toda a información sobre o evento a nivel nacional pódese consultar na páxina web diasdelaartesania.es.

Oficios en acción

A iniciativa Oficios en Acción, apoiada pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, celébrase durante toda a xornada de hoxe sábado no Centro Ágora da Coruña. En horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas ofrécense demostracións de oficios como a xoiería, a cargo do taller A Feitura, ou da talle de vidro, con Eugenio Soto do obradoiro Corman. Hai tamén obradoiros de encadernación impartidos por Códice; de cerámica, a cargo de Víctor Ares; de marroquinería, impartidos polos obradoiros coIRaxe e Jatafarta; de elaboración de complementos téxtiles con Lucecús; de bixutería con Artesanía Nia; de tapices, con Cuaderna Maestra; de xoiería con Mario López; de estampaxe téxtil coa técnica Hapa Zome, impartido por Casperlota; e de pregado de libros, a cargo de Mioco Diseños.

 
Outras propostas

Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais que se celebra cada ano en diferentes países e cuxo programa en Galicia está coordinado pola Fundación Artesanía de Galicia. A Xunta colabora con outras propostas en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Ponteceso, Muros, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Catoira, Cuntis, Mondoñedo, Niñodaguia e Xinzo de Limia.

En Santiago de Compostela, Creativas Galegas organiza hoxe dous escaparates viventes: un pola mañá de Escultura de libros reciclados do que se encarga DRositas e outro a cargo de Spacio B e denadinteriores. Nesta cidade, tres obradoiros artesanais localizados na Rúa de San Pedro abrirán as portas dos seus espazos creativos para celebrar os Días Europeos da Artesanía. En horario de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:30h hoxe sábado e mañá domingo de 10:00 a 14:30h poderanse visitar os talleres de El Taller de Fer, Brigantia Orfebres e Noga Arts.

Tamén hoxe sábado estase a desenvolver en Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) a IV Fornada Tradicional nos antigos fornos de pedra, impulsada polo Museo de Alfarería de Niñodaguia. E no local da Asociación de Artesáns de Ourense (Colón, 24) están previstos diferentes obradoiros de cerámica impartidos por Olería do Batán, hoxe e mañá, e obradoiros de xoiería impartidos por Mario López, mañá domingo. No Museo do Mar de Galicia, en Vigo, organízanse talleres participativos no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a cargo dos obradoiros artesanais Como pez en el agua, Peixesapop, Carlos San Claudio e Medialúa.

Hoxe celébrase en diferentes localidades a iniciativa “Artesanía na aldea”, con obradoiros de cerámica e de manipulado de papel en escolas unitarias e centros socioculturais dos concellos da Pobra do Caramiñal, Muros, Porto do Son, Catoira e Rianxo impartidos por Raposiñas, Manuel Figueiras, Laura Ventoso, Mar Barral e Pedras de papel.  Hoxe sábado, tamén é a cita cos Días Europeos da Artesanía na Fundación Eduardo Pondal, en Ponteceso, a través dun taller participativo a cargo de Artesanía de remate de xoguetes de madeira; en Cuntis continúan os obradoiros de cerámica castrexa da Fundación Terra Termarum; e en Mondoñedo estanse a desenvolver tamén demostracións e obradoiros a cargo da Asociación Os Muíños.