A Xunta apoia en Zas a economía circular vinculada á produción do liño

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde nunhas xornadas impulsadas polo Concello de Zas e pola Asociación Amigos do Liño
  • Na programación incluíronse conferencias, demostracións sobre a elaboración do fío de liño, un desfile e a actuación de Antía Muíño

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde na Xornada sobre o liño – Economía circular, impulsada polo Concello de Zas e pola Asociación Amigos do Liño. A programación baseouse nunha serie de conferencias sobre o liño como material tradicional en Galicia, a artesanía téxtil vinculada ao liño e o seu papel no contexto contemporáneo dentro da economía circular.

Rosa María Sánchez Martínez falou sobre Liño: artesanía, identidade e economía circular, Jorge Mira Pérez sobre O futuro na volta ás orixes, Ricardo García Mira –experto en psicoloxía social– sobre O liño na Costa da Morte como elemento de cohesión social e cultural. A Asociación Amigos do Liño encargouse do desfile de pezas de roupa elaboradas en liño de xeito artesanal, a continuación das conferencias, e o acto pechouse cun breve concerto musical a cargo de Antía Muíño, unha degustación de produtos e un sorteo entre os asistentes.

Coa súa colaboración neste evento, a Xunta busca poñer en valor un material tradicionalmente vinculado ao téxtil en Galicia e apoiar a súa recuperación e a súa incorporación como produto local de alta calidade na moda contemporánea, destacando especialmente o seu papel na economía circular.