A Xunta apoia melloras en máis de 660 comercios locais e 64 obradoiros de Artesanía de Galicia en prol da súa innovación e actividade sustentable
- O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución da convocatoria de 2025 destas achegas concedidas por un valor de case 4M€
- Esta medida enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e abarca tres liñas de axudas unificadas por primeira vez este ano nunha única convocatoria en prol da simplificación e axilización administrativa
- As axudas están enfocadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e ao uso de embalaxes sustentables para apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo
- Das entidades beneficiarias este ano, 286 son da provincia de Pontevedra, 266 da de Coruña, 111 da provincia de Lugo e 65 da de Ourense
Un total de 664 comercios de proximidade e de 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia beneficiaranse das axudas deste ano da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar a súa dixitalización, innovación e sustentabilidade cun valor de axuda de case 4M€. Así o especifica a resolución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia sobre a convocatoria de 2025 destas tres liñas de apoios unificadas por primeira vez este ano nunha única convocatoria en prol da simplificación e axilización administrativa para favorecer un comercio innovador e sustentable.
En canto á distribución por provincias das entidades beneficiarias este ano, 286 son da provincia de Pontevedra, 266 da de Coruña, 111 da provincia de Lugo e 65 da de Ourense. Estas tres liñas que abarca a convocatoria son compatibles entre si, enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e buscan apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente e mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos. Tamén teñen como fin avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos.
Neste sentido, coa primeira das liñas de achega, a de dixitalización e innovación comercial, fináncianse ferramentas de posicionamento dixital, software de xestión adaptado á actividade comercial desenvolvida e elementos como pantallas e escaparates virtuais. Tamén inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras e a contía máxima de axudas neste apartado é de 35.000 euros.
En canto á segunda, de modernización comercial, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para a mellora da eficiencia enerxética, como por exemplo sistemas de climatización enerxeticamente eficientes. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.
Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, son obxecto de subvención as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos. Algúns exemplos de actuacións que se apoian neste sentido son a adquisición de bolsas de papel e caixas de cartón 100% reciclado e bolsas de tea de algodón e de liño ou cáñamos 100%. Neste caso, a axuda máxima é de 2.000 euros.