A Xunta apoia o sector da acibechería no marco da artesanía galega

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiron esta tarde á presentación do proxecto Acibechería-iMATUS: Construíndo futuro para un oficio milenario. 

Ambos representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa coorganizada polo Instituto de Materiais da Universidade de Santiago de Compostela (iMATUS) e pola asociación Ourives de Compostela, co obxecto de garantir a autenticidade das pezas de acibeche que se elaboran na capital galega. Ademais de sistemas de control para avalar a pureza das pezas de acibeche da ourivería compostelá, o proxecto contempla a restauración de pezas históricas.