A Xunta aposta pola transmisión do oficio artesanal da sombreirería para garantir a remuda xeracional
- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe en Santiago ao curso completo de sombreirería artesanal que imparte o artesán Félix de Martín ata o mes de xuño
- Enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un proxecto pioneiro destinado á mellora continua dos profesionais artesáns e á captación de novos talentos para contribuír á remuda xeracional nos oficios artesanais tradicionais
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse hoxe ata a Academia de Ana Prados, en Santiago de Compostela, onde se está a desenvolver o curso completo de sombreirería artesanal impulsado pola Xunta ata o mes de xuño. Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, co que se aposta pola preservación do patrimonio inmaterial, polo desenvolvemento económico e pola transmisión de técnicas e oficios artesanais.
O curso de sombreirería artesanal comezou o pasado 2 de outubro e está impartido polo sombreireiro Félix de Martín (Ourense), todos os mércores ata finais de xuño en horario de 16,00 a 18,00 horas. Na actividade participan graduados en deseño de moda, artesáns do oficio da sombreirería e complementos, así como profesionais da sombreirería que están iniciando as súas traxectorias.
O curso divídise en dúas partes diferenciadas pero complementarias: a elaboración de sombreiros de rúa e a modistería de tocados e adornos. O obxectivo é achegar os coñecementos e técnicas necesarias para formar artesáns e artesás especializados na sombreirería, cunha base sólida teórica e práctica, con capacidade para crear pezas de alta calidade técnica e estética.
Cursos novos
Trátase dun dos últimos cursos de formación impulsados polo Goberno galego no marco do programa Aprender da tradición. Oficios e técnica, un proxecto pioneiro iniciado no ano 2023 destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector.
Confírmase así unha das liñas estratéxicas do Goberno galego, orientada a preservar o noso patrimonio cultural e a promover o desenvolvemento económico mediante a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais. Unha estratexia integral onde os oficios de sempre se conservan respectando a tradición ou evolucionando cara a novos produtos de deseño máis contemporáneo nos que os novos materiais, a innovación e as novas tecnoloxías teñen cada vez maior relevancia.
Aprender da tradición. Oficios e técnicas arrancou o ano pasado cos obxectivos concretos de apostar pola profesionalización continua especializada en competencias profesionais e competencias transversais, de facilitar a formación das novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas e de capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos. Tamén na liña de apostar pola revalorización e visibilidade dos procesos artesanais vinculados aos vellos saberes para afianzar un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento.
Cómpre engadir que ata o mes de xuño de 2025 estanse desenvolvendo en diferentes localidades galegas cursos de xastrería, de ourivería e de acibechería, así como de olería de Buño. Está previsto que este programa teña continuidade no tempo incrementando o número de actividades e a diversidade de técnicas, de xeito que o abano de oficios tradicionais nos que asegurar o relevo xeracional sexa cada vez máis amplo.