A Xunta celebra en Ribadeo os Días Europeos da Artesanía a través dunha xornada de divulgación de oficios artesanais no Forte de San Damián

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá unha xornada de divulgación e posta en valor de oficios artesanais coma o coiro, a cerámica, o tecido, a madeira ou a creación de monicreques 
  • Impulsada pola Asociación de Obradoiros Artesáns da Mariña de Lugo e polo Concello de Ribadeo, a actividade está apoiada pola Xunta de Galicia 

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a xornada de divulgación da artesanía impulsada pola Asociación de Obradoiros Artesáns da Mariña de Lugo e polo Concello de Ribadeo no Forte de San Damián, no marco da conmemoración dos Días Europeos da Artesanía. Co apoio da Xunta de Galicia, na programación inclúense obradoiros de cerámica, de coiro, de madeira, de tecido e de monicreques.
A actividade comezou ás 11,00 h. cos obradoiros de Iniciación aos encaixes de madeira, con Madeira a Man; o taller de Iniciación ao Kintsugi, con Maica Juncal de Artesanía do Pasatempo; outro sobre elaboración de pratos de cerámica con impresión natural, con Lucía Barro; e un máis de elaboración de chaveiros á man, con Péndulo. 
Xa pola tarde, está previsto realizar un obradoiro de decoración de cerámica con engobes e esgrafiado, coa ceramista Lucía Catuxo; un obradoiro de Iniciación á marroquinería, con Raíces Nómadas; outro de elaboración de monicreques de cartón, con Ton Arenas, de Mircromina; e o taller “Da ovella á madeixa”, con Miratú. Tamén terá lugar un obradoiro de iniciación ao torno oleiro, con Marcelo Scapinachis, de Esquina Atlántica; un de elaboración de flores de coiro, con María Jul; e outro de modelado en cerámica do rostro humano, con Chus Lage. 
Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa que se celebra anualmente en diferentes países para amosar a riqueza e a singularidade dos oficios artesanais a través de actividades gratuítas que acheguen o público a técnicas, oficios e materiais, e que este ano se celebran entre os días 7 e 12 de abril baixo o lema Co corazón no oficio. A Fundación Artesanía de Galicia apoia 20 iniciativas en toda Galicia que inclúen 110 actividades como obradoiros de iniciación, demostración, charlas ou xornadas de portas abertas.