A Xunta convoca dous cursos de fotografía de produto para profesionais de Artesanía de Galicia

  • A Fundación Artesanía de Galicia completa a programación formativa deste ano con dúas xornadas en Santiago de Compostela impartidas polo fotógrafo Fuco Reyes
  • As inscricións para estas dúas actividades, que terán lugar os días 5 e 18 de novembro, están abertas na web da Fundación

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía,  Industria e  Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– continúa co programa de formación especializada para obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia. No mes de novembro celebraranse no espazo de Creativas Galegas, en Santiago de Compostela (Caldeirería, 36), os últimos cursos de formación programados para este ano 2022 que estarán dedicados á fotografía de produto e que impartirá o fotógrafo Fuco Reyes. 

O sábado 5 de novembro, en horario de 10:30 a 14:30 horas, celebrarase o curso Fotografía de produto co móbil, mentres que o venres 18 e o sábado 19 de novembro a actividade estará dedicada á Fotografía de produto con cámara fotográfica, en horario de 16:00 a 19:00 horas o venres, e de 10:30 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas, o sábado. Os cursos centraranse en darlle a coñecer aos profesionais da artesanía as principais estratexias para o coidado da imaxe de cara a amosarlle o produto ao consumidor, facendo fincapé en compoñentes prácticos en relación co manexo da luz e outros, empregando un móbil ou unha cámara fotográfica, en función do curso seleccionado. 

As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir na web da Fundación e terán prioridade os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que formen parte do colectivo Creativas Galegas.  Cada curso dispón de 15 prazas.