A Xunta de Galicia apoia en Xermade a tradición e o futuro do torneado da madeira

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XXI Encontro Internacional de Torneiros que se celebra durante toda a fin de semana
  • Fabeiro destacou a presenza da tradición e a mestría a través do saber facer de Lolo Castro e o deseño contemporáneo de Adrián Pena

A Xunta de Galicia colabora no XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra entre hoxe e o domingo na localidade luguesa de Xermade. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá á inauguración da xa tradicional iniciativa onde destacou a relevancia deste evento como punto clave de divulgación do oficio tradicional da tornería.

Despois dunha edición exclusivamente online no 2020, este ano recupérase o formato presencial con demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o oscense Fran Ferrer ou os galegos Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e Manuel “Lolo” Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.

O evento, que comezou hoxe ás 12:00 horas e terá lugar ata as 19:30 horas, continuará mañá sábado de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas e despedirase o domingo de 10:30 a 14:00 horas. Ademais das demostracións en vivo, os visitantes poderán ver as obras de máis dos 65 artesáns, así como as pezas da exposición CONtornos.

Durante o seu percorrido polo encontro, Elena Fabeiro destacou a presenza de dous torneiros de excepción que representan a tradición e a mestría, como é o caso de Lolo Castro (As Pontes), e o deseño contemporáneo e o futuro do oficio a través de Adrián Pena. “Lolo é a experiencia, o oficio e a transmisión de coñecementos e o traballo de Adrián representa tamén a vinculación do oficio artesanal con outros ámbitos como a gastronomía, a arte contemporánea ou a arquitectura”, indicou.

A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar e consolidar o sector artesán, ao mesmo tempo que serve para establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia.