A Xunta de Galicia fomenta a incorporación dos oficios artesanais entre os novos talentos da moda

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou o premio á Mellor colección con valor artesanal durante o desfile Debut 22 que se celebrou esta tarde en Pontevedra
  • No marco do evento, impúlsase tamén un curso de formación para o alumnado do Esdemga da Universidade de Vigo sobre traballo con volumes, impartido polo sombreireiro artesán Félix de Martín
     

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación colabora co Mestrado Unversitario en deseño e dirección creativa en moda (Esdemga) da Universidade de Vigo para fomentar a incorporación dos oficios artesanais entre os novos talentos da moda galega. A través da Fundación Artesanía de Galicia, apoia un dos galardóns que se outorgaron esta tarde durante a pasarela Debut 22, que se celebrou no Pazo de Congresos de Pontevedra.

Así, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou o premio á Mellor Colección con Valor Artesanal, dotado con 1.700€, unha categoría iniciada na edición do ano pasado como unha aposta polo achegamento aos procesos artesanais como unha das claves para dotar de maior sustentabilidade o sector da moda.

A pasarela Debut 22 compleméntase cun programa de actividades paralelas dirixidas ao alumnado do mestrado, entre as que se atopou un taller formativo sobre “Traballo con volume: técnicas e solucións”, impartido polo sombreireiro artesán Félix de Martín e apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia. O obxectivo deste obradoiro foi proporcionar ferramentas e recursos que axuden no traballo de deseño creativo, a posibilitalo e levalo á práctica dunha forma eficaz. O taller desenvolveuse o mércores 16 de novembro e foi eminentemente práctico, centrado no coñecemento dos materiais estruturais e das técnicas necesarias para a súa utilización con volumes na confección.