A Xunta define a dixitalización, a loxística e a adecuación dos locais como claves de futuro para o comercio galego

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nunha webinar na que se avaliou a situación do sector e as medidas para a reactivación do comercio de proximidade.
  • Baixo o lema #SeguimosAdiante, o encontro puxo o foco na necesidade de volver á actividade trasladando a máxima confianza aos consumidores.
  • Desde a Xunta estase a deseñar co comercio galego a mellor maneira de transitar no novo contexto, cun protocolo de reactivación que realmente responda ás necesidades do sector.
  • A través da plataforma Comercio Seguro os comerciantes poderán realizar un autodiagnóstico en liña co que recibir o asesoramento preciso sobre medidas sanitarias e de prevención

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa participación nunha webinar na que se avaliou a situación do comercio que a medio prazo a dixitalización, a loxística e a venda en liña, xunto coa adecuación dos locais, son medidas indispensables para que o comercio de proximidade galego poida incentivar a demanda no intervalo que dure a reactivación e para logo afrontar con garantías o novo escenario.

Baixo o lema #SeguimosAdiante, o encontro celebrado hoxe, no que participaron representantes da Federación Galega de Comercio e de diferentes asociacións do sector, puxo o foco na necesidade de que o comercio retorne á actividade trasladando a máxima confianza aos consumidores.

O conselleiro subliñou que desde a Xunta se está a deseñar co comercio galego a mellor maneira de transitar no novo contexto, cun protocolo de reactivación que realmente responda ás necesidades do sector. En primeiro lugar, tal e como apuntou Francisco Conde, este protocolo debe resolver dúbidas non só sobre cando abrir, senón como abrir, xa que, segundo explicou, o plan publicado polo Goberno “ten máis sombras que luces”.

Así, faltaba que se clarificase se se poden flexibilizar e acompasar os Ertes ao ritmo da reactivación da economía, e ofrecer unha información precisa en materia de prevención e de atención ao público. De aí que a Xunta publicase unha guía de prevención elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), que xa está á disposición dos comerciantes galegos.

Este libro de consulta súmase ás máis de 300.000 máscaras repartidas entre entidades que representan a comerciantes e autónomos. Neste ámbito, tamén se vai poñer en marcha a plataforma Comercio Seguro, onde os comerciantes poderán realizar un autodiagnóstico en liña co que recibir o asesoramento preciso sobre medidas sanitarias e de prevención.

O conselleiro apuntou que o protocolo no que traballa Galicia tamén mira ao futuro desde unha perspectiva económica, para afrontar a caída das vendas e as semanas de inactividade. No curto prazo, os apoios inclúen, en liña coas recomendacións do Comité de Expertos Económicos, un programa de préstamos bonificados de ata 200.000€ para pemes e autónomos, o aprazamento da carga impositiva, e anticipos para as persoas afectadas por un Erte que aínda non cobraran a prestación do Goberno.

Ademais, para contribuír a facilitar a reapertura gradual das pemes, desde a Xunta demándase que os Ertes por forza maior se poidan prorrogar mentres a actividade dos comercios siga sometida ás restricións que impón o proceso de desescalada. Segundo apuntou Conde, tamén é necesario que o Goberno aprobe deducións fiscais ás empresas para incentivar a recuperación do emprego.