A Xunta destaca a Elena Ferro como un referente na actualización dos oficios artesanais tradicionais

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na xornada Elena Ferro: creatividade na pel, dentro do ciclo De pioneiras e andainas,  organizado polo Consello da Cultura Galega
  • No evento participaron tamén outras profesionais de Artesanía de Galicia como Mónica Cao, Julia Marín e Mercedes Veites

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na xornada Elena Ferro: creatividade na pel, enmarcada no cliclo De pioneiras e andainas, organizado polo Consello da Cultura Galega, e coa que se homenaxea a figura e a traxectoria da zoqueira Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019. Durante a súa intervención, Elena Fabeiro destacou a Elena Ferro como un referente na conservación, transmisión e actualización dun oficio artesanal tradicional como é a elaboración de zocos, un produto vinculado ao pasado e ao rural galego, que ela convertiu nun produto contemporáneo e de tendencia tanto para o público infantil como adulto.

Elena Ferro destaca polo seu traballo cos zocos de madeira, un produto característico da tradición rural, que durante unha época estiveron en desuso e só se empregaban para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na mesa redonda Zocos e afectos, moderada por Inma López Silva, xunto coa terapeuta Pilar González e e o creativo e socio de Elena Ferro, Oriol Pujol Miró. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia presentou a artesanía como unha profesión de futuro que ofrece novas perspectivas laborais para as novas xeracións, do que Elena Ferro é tamén un claro exemplo, xa que é titular dun obradoiro familiar con máis de 100 anos de historia en Merza (Vila de Cruces).   

Na xornada organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago, celebrouse outra mesa redonda denominada Tradición e vangarda da pel, moderada por Luz Darriba e na que participaron as artesás Mónica Cao, do obradoiro Mocao, especializado en coiro; Julia Marín Ramírez, de JMR Artesanía (O Pino), especializado na construción de elementos musicais de percusión; e Mercedes Veites, do obradoiro Lumecú (Vilar de Santos), todas elas pertencentes á marca Artesanía de Galicia.

Eu son zoqueira
Elena Ferro é tamén a protagonista de Eu son zoqueira, a primeira das unidades didácticas do programa Artesanía na Escola, impulsado pola Xunta este ano co obxectivo de achegarlle aos máis pequenos os nosos oficios artesanais e os valores da artesanía. Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais a través da figura de recoñecidos profesionais da artesanía e poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais. Ademais das unidades didácticas en papel, os centros reciben material didáctico en versión dixital e a visita dalgún dos artesáns que formen parte do proxecto. Deste xeito, Elena Ferro realizou demostracións en sete centros de ensino.

Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea. Tamén busca transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular e, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.