A Xunta destaca en Ourense o valor da artesanía na dinamización comercial e cultural das vilas e cidades galegas

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na inauguración da XXVIII edición da Feira de Artesanía de Ourense
  • Celebraráse ata o domingo 4 de maio no Parque de San Lázaro e está organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense coa colaboración da Xunta
  • Na feira participan un total de 15 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, no coiro, na cestería, no bordado, na bixutería, nos instrumentos musicais, no papel, nos arranxos florais e no téxtil

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración da XXVIII Feira de Artesanía, que se celebra no Parque de San Lázaro ata o domingo 4 de maio. O evento está organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense e conta coa colaboración da Xunta. 

Gabriel Alén, destacou o valor deste tipo de actividades de comercialización e de divulgación dos nosos oficios artesanais na posta en valor da marca Artesanía de Galicia e na dinamización comercial e cultural das nosas vilas e cidades. 

Nesta edición participan como expositores 10 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na bixutería, no manipulado de papel e no téxtil, en  concreto, Paznavas (A Coruña), Amorei (Soutomaior), Mario López (Xoiería), Suso Calo - Lobo Tolo (Moaña), Luciérnaga (Barbadás), Chueco (A Coruña), Silvereira (Ames), María Aba (Ourense) e A Sariña Maquinando (Lugo). 

Na programación deste ano inclúense tamén obradoiros de diferentes oficios, entre os que se atopa o de cestería que hoxe imparte Julia de la Cal, de La Parabólica, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024. Mañá domingo celebrarase un obradoiro de arte en papel a cargo de Mioco, o venres 2 de maio Marcos Domato amosará como se constrúe unha guitarra clásica, o sábado 3 Minia Banet de Variopinto impartirá un obradoiro de bordado sobre fotografía en papel, e o domingo 4, Sonia Álvarez de Olueis ofrecerá un obradoiro de arranxos florais. 

O horario de apertura da feira é de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 h. a 21,00 h., e na programación de actividades inclúense tamén actuacións musicais e un sorteo diario de pezas artesás.