A Xunta destaca a marca Carmelamola como exemplo de emprendemento e de inclusión laboral no marco de Artesanía de Galicia

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde na inauguración do local comercial do obradoiro artesanal Carmelamola, no mercado de San Agustín da Coruña
  • Carmelamola é unha marca de bixutería que forma parte de Artesanía de Galicia dende o ano 2023 e a súa titular, Carmen Álvarez, convértese hoxe na primeira persoa con síndrome de Down que conta con tenda propia en España

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde na Coruña na apertura da tenda do obradoiro artesanal Carmelamola, e que supón a primeira tenda dunha persoa con síndrome de Down en España. Alén destacou que a súa titular, Carmen Álvarez, constitúe un exemplo de autoemprego, de emprendemento e de inclusión laboral dentro de Artesanía de Galicia, marca da que forma parte Carmelamola dende o ano 2023.

Carmelamola é un obradoiro de bixutería artesanal impulsado por Carmen Álvarez, de 23 anos, o único en Artesanía de Galicia no que a persoa titular ten síndrome de Down. A súa relación coa artesanía que comezou inicialmente como medio para mellorar a súa destreza coas mans, axiña se converteu nunha afección a través da bixutería e, máis tarde, nun proxecto profesional que non para de medrar. Así, empezou vendéndolle pezas ao seu círculo máis próximo e hoxe conta cunha exitosa tenda online e seguidores a través das redes sociais en diferentes partes do mundo. A partir do sábado estará aberta a súa tenda física, que hoxe se inaugura, no local 12 do Mercado de San Agustín.

Recoñecementos
No ano 2018 Carmelamola quedou finalista na categoría de deseño de xoias do programa Xuventude Crea. Un ano máis tarde, gañou o premio eWoman Coruña ao mellor negocio online que concede o grupo Prensa Ibérica e resultou finalista nos premios Yo Participo, da Fundación Garrigou. En 2020 recibiu o premio Emprende na categoría de Responsabilidade Social Corporativa que promove AJE A Coruña e, en 2022, a Confederación Nacional de Centros Especiais de Emprego recoñeceu o seu traballo co premio á integración laboral das persoas con discapacidade.

Artesanía e inclusión
En Galicia existen un total de oito centros especiais de emprego cuxos talleres ocupacionais de artesanía están incluídos no selo Artesanía de Galicia: Aixiña Artesanía (Ourense), Artefíos (A Coruña), Asociación de Persoas con Parálise Cerebral Apamp (Vigo), Asociación Saúde Mental da Mariña (Cervo), Aspnais (Lugo), Cerámica Eu Son (Burela), HC San Rafael (Vigo) e I-Lab Centro Especial de Empleo (A Coruña). Estas entidades traballan con oficios como o tecido artesanal, a talla de pedra, a cerámica, a encadernación, a xoiería, o papel, os mosaicos ou a marroquinería.

No ano 2023, a Fundación Artesanía de Galicia resultou galardoada durante a Gala pola inclusión educativa e o emprego celebrada en Granada no marco do Congreso nacional de formación e emprego inclusivo, do Centro de Referencia Nacional de Artesanía Centro Albayzín. O galardón foi un recoñecemento ao apoio do Goberno galego a proxectos de inclusión no marco de Artesanía de Galicia e ao impulso dos oficios artesanais como modelo de inclusión laboral para persoas con diversidade funcional.