A Xunta destaca na comarca do Carballiño o potencial da artesanía e do comercio local para a dinamización do rural e a vertebración do territorio
- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou unha das froitarías de Amoras, Premio Comercio Emprende 2025, e o obradoiro artesán O Reberete
- José González salienta que a galardoada Amoras pasou de coller o testemuño dunha froitaría familiar a converterse nun exemplo de emprendemento adaptado á actualidade, con tres establecementos abertos e novos servizos como unha fruit truck
- Na mesma liña, agradece o labor do obradoiro O Reberete —inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia— por garantir a remuda xeracional na fabricación e reparación de instrumentos musicais tradicionais e populares galegos sen renunciar á innovación
- Para seguir reforzando o comercio e a artesanía, destaca medidas como as axudas para a innovación e modernización de ambos sectores, os bonos Activa Comercio ou iniciativas novidosas como as formacións de aprendices en oficios artesanais (1 M€)
- Cualifica ambos negocios como expoñentes do emprendemento ligado ao territorio, un eixe que se impulsará cunha nova estratexia na que os Polos terán un papel central, como o situado no Carballiño que ten atendido máis de 420 proxectos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, estivo hoxe na comarca do Carballiño onde visitou primeiramente o establecemento do Carballiño da froitaría Amoras, recoñecida co Premio Comercio Emprende 2025, e deseguido o obradoiro artesán o Reberete, en San Cristovo de Cea. González aproveitou para poñer ambos proxectos como exemplos do potencial da artesanía e do comercio de proximidade para a dinamización económica do rural e para a vertebración do territorio coa conseguinte fixación de poboación.
Primeiro, no Carballiño, os representantes autonómicos visitaron Amoras -iniciativa da emprendedora, Ana Rodríguez-un dos negocios galardoados cos Premios do Comercio Galego 2025, polo seu proxecto que partiu de coller o testemuño dunha froitaría familiar tradicional para converterse nun auténtico exemplo de emprendemento innovador. Nesa liña, José González salientou que a empresa conte con tres establecementos situados no Carballiño e en Maside, que incorporase servizos como cestas de froita personalizadas, almorzos a domicilio e arranxos ou composicións de froita para celebracións e eventos, así como a venda a través da internet e unha fruit truck onde se dá unha segunda vida á froita transformándoa en produtos como zumes.
En segundo lugar, en San Cristovo de Cea, o conselleiro agradeceu o labor do obradoiro O Reberete, do artesán Roberto C. Pérez —inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia— por garantir a remuda xeracional na fabricación e reparación de instrumentos musicais tradicionais e populares galegos. Tras aprender o oficio nun taller local, hoxe consolídase —destacou— no seu propio como referente en fabricación manual e artesá de instrumentos de vento ou percusión característicos da nosa tradición, sen renunciar á investigación e necesaria innovación desenvolvendo prototipos e melloras técnicas no deseño ou no son das pezas, co fin de adaptarse ás esixencias da clientela.
Compromiso coa artesanía e co comercio
Aproveitando as visitas, o titular de Emprego fixo fincapé nas medidas impulsadas este ano no marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, como as axudas dotadas con case 4 M€ a prol da dixitalización e innovación, da modernización, da mellora da imaxe e da eficiencia e sostibilidade ambiental tanto no comercio como na artesanía. Tamén os bonos Activa Comercio ou o impulso da formación para avanzar na profesionalización de ambos eidos, con iniciativas novas como 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais. No campo artesanal aludiu a maiores a proxectos como Artesanía no Prato, con accións que seguirán desenvolvéndose dentro e fóra de Galicia para conectar artesanía e gastronomía.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración concluíu cualificando ambos negocios como perfectos exemplos de emprendemento ligado ao territorio, un eixe fundamental que se impulsará desde a Xunta cunha nova estratexia na que terá un papel central a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Nese senso, aproveitou para poñer en valor o Polo situado no Carballiño, que leva atendido máis de 420 proxectos.