A Xunta destaca o papel da XIV Feira de artesanía e produtos da terra do Incio a prol da divulgación dos oficios tradicionais e do impulso do comercio local
- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe este evento, que se celebra na Praza España do Incio, en horario de 11,30 a 16,30 h.
- O programa de actividades inclúe exposición de produtos de oito obradoiros da marca Artesanía de Galicia e talleres abertos e gratuítos de pintura sobre tecido e gyotaku
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do alcalde do Incio, Héctor Corujo, visitou hoxe a XIV Feira de artesanía e produtos da terra do Incio, unha iniciativa que conta coa participación da Fundación Artesanía de Galicia e que está orientada a promover o turismo e a cultura do municipio, así como para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos.
Alí, o director xeral puxo en valor este evento xa consolidado, destacando o papel da artesanía na dinamización do comercio local e animando a apoiar o talento artesanal galego e a apostar polos produtos feitos á man, individualizados e de calidade que se comercializan baixo a marca Artesanía de Galicia.
Ao longo da xornada haberá postos de artesanía na Praza de España e nos arredores do Concello. Xunto a estes expositores sitúanse os postos das empresas de alimentación da zona nos que se venden produtos típicos, como mel ou queixo. O programa inclúe, ademais, pasarrúas e actuacións musicais, así como unha degustación de iscos e unha foliada aberta.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, apóianse dous obradoiros gratuítos para todos os públicos e sen inscrición previa especializados en pintura sobre tecido e gyotaku e impartidos polos artesáns María José Martínez e José Carrera do obradoiro Peixesapop, así como por Leonor de Como pez en el agua.
Tamén participan postos de Artesanía de Galicia e expositores da zona para vender produtos típicos, relacionados coa xoiería, bixutería, coiro, complementos de moda, cestería, cerería, forxa e xoguetes. En concreto, expoñen as súas creacións Miudiño (Vigo), Riomao estudio (A Teixeira), Rocigarcía (Betanzos), María Jul (Cervo), Péndulo Complementos (Burela), Luciérnaga coiro (Barbadás), María Carmen Otero Folgueira (A Pastoriza) e J. Eiroa Forxa (Culleredo).