A Xunta destaca o papel da XXVI Mostra de Alfaroleiros na difusión do valor do oficiotradicional da olería
- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Oleiros na inauguración deste encontro que acolle ceramistas e oleiros de Galicia, do resto de España e Portugal
- As actividades, ademais de demostracións de olería, inclúen obradoiros de artesanía para nenos, actuacións musicais, xogos para os máis cativos e proxección de películas
- O evento é un punto de encontro para os profesionais deste oficio e actúa como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesanal
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe en Oleiros á inauguración da XXVI edición de Alfaroleiros, que se celebra ata o 9 de agosto na vila de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña). Este encontro destaca pola súa relevancia como punto de encontro para os profesionais do oficio da olería e cerámica galegos, do resto de España e Portugal, e como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesanal.
Neste encontro, haberá demostracións e venda de produtos de 23 expositores do oficio da olería e cerámica de Galicia e de distintos puntos de España e Portugal. Sete deles representan ás catro provincias galegas (José Vázquez Vázquez, olería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo e María del Carmen Doval da olería de Batán (Ourense) ; Aparicio Añón Caamaño e José Antonio Añón Lista, olería de Buño (Malpica) e o ceramista José Juan Unzueta Olalde de Brión (A Coruña); María Otilia Arias García, olería de Gundivós, Sober (Lugo) e Alejandro Añón Gil de Salvaterra do Miño (Pontevedra).
O resto dos participantes proveñen de Portugal e doutras cidades do país (Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Salamanca, Segovia, A Rioxa, Cáceres, Zamora e Badajoz).
O programa inclúe tamén obradoiros de artesanía, xogos tradicionais para os mais cativos, proxección de películas e espectáculos de circo, teatro e maxia. Haberá actuacións musicais dirixidas a tódolos públicos.
Cómpre destacar a contribución desta feira á conservación dos oficios artesanais tradicionais. A recuperación, o mantemento e a divulgación deste oficios constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.